A decisión foi acordada por aclamación na última Reunión Anual Ordinaria do padroado da Fundación Laxeiro, celebrada o pasado 27 de novembreo de 2024. Esta é a primeira vez que se outorga o Premio Laxeiro a título póstumo, unha mostra da relevancia que para o padroado ten o legado da pintora coruñesa.
Beatriz Rey Gómez- Guitián (1939-2024)
Dende moi nova, tivo relación co mundo da cultura e da arte, polo vínculo do seu pai con Isaac Díaz Pardo e o proxecto Sargadelos. Debido a esta circunstancia, coñeceu, ademais de a Díaz Pardo, aos escritores Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste e aos pintores do Movemento Renovador Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro e o mesmo Laxeiro, con quen afianzaría a súa amizade ao coincidiren en Madrid nos anos setenta.
Esta relación cos renovadores da arte galega, provocou a súa entrada no grupo Estampa Popular Gallega, promovido, entre outros por Luís Seoane, como un instrumento democratizador da cultura, cunha clara posición política antifranquista.
En 1975 formou parte do grupo Sisga en en 1989, do grupo Puerta del Sol. Fixo a súa primeira exposición individual en 1968 na madrileña Galería Quijote, onde Laxeiro expoñía naqueles anos. Realizou exposicións en Madrid, en diversas cidades españolas, en Uruguay (con Estampa Popular Gallega), e en países europeos como Alemaña, Francia e Finlandia.