A entidade ten en marcha máis de vinte programas e proxectos ao longo do territorio galego
O 4 de novembro de 1999 nacía en Vigo a Fundación Érguete-Integración, baixo a tutela dunha das máis relevantes figuras da loita contra o narcotráfico e a defensa dos dereitos das persoas drogodependentes no noso país: Carmen Avendaño quen, xunto a outras valorosas nais, convenceran a unha sociedade enteira da necesidade de mudar a visión sobre unha problemática que estaba destruíndo a vida de milleiros de mozos e mozas e ás súas familias.
Tratouse, dende un inicio, dun proxecto tremendamente ilusionante, que pretendía buscar unha saída digna a aquelas persoas que, tras pasar por outras entidades para abandonar o consumo de drogas, vían como as portas do mercado laboral se lles pechaban de fronte. “A miña nai, Carmen Avendaño, ten a gran idea de formar a Fundación para poder dar saída xa non só á xente con problemas de drogas, senón tamén ás persoas que están excluídas socialmente; poder ofrecerlles unha formación para atopar un emprego, para ter máis capacidade de defenderse na vida diaria… A Fundación naceu con esa misión”, comenta Rubén Cagiao Avendaño, actual presidente da organización.
A entidade arrancou a súa empresa co desenvolvemento dos Obradoiros de Emprego Bidueiro, que contarían con varias edicións nas que se facilitou a moitas persoas desempregadas e con especiais dificultades para inserirse laboralmente, unha formación en oficios como xardinería, cantería, electricidade, carpintería… Pouco a pouco e de xeito paralelo, iríanse pondo en marcha outros programas e proxectos, levando á práctica unha filosofía de integración dos colectivos vulnerabilizados e co obxectivo de evitar a súa marxinalización. Dende clases de apoio para a obtención do graduado a programas de intervención en medio penal (a organización foi pioneira no desenvolvemento dun Obradoiro de Emprego dentro dun centro penitenciario), pasando por cursos de lingua galega ou talleres para a adquisición de competencias dixitais, a Fundación Érguete-Integración foi ampliando o seu campo de actuación a toda Galicia.
No ano 2006 e cando aínda non existía na comunidade autónoma lexislación ao respecto, a Fundación volve situarse como unha entidade pioneira coa posta en marcha dunha empresa de inserción laboral, Cormo Integral, que nace co obxectivo de facilitar a inserción sociolaboral de persoas en situación ou perigo de exclusión social, proporcionándolles unha ocupación que lles outorgue competencias profesionais e facilite o seu acceso ao mercado laboral convencional. “Cormo empezou moi lentamente, con dúas persoas traballadoras, e foi evolucionando. (…) Eu sempre lembro as palabras de Carmen (Avendaño), dicindo que iamos ser 40 ou 50. Efectivamente; agora, xa con 18 anos de vida da empresa de inserción, somos 52 persoas”, expón Charo González Costas, directora da sociedade.
A día de hoxe, a Fundación Érguete-Integración atende as necesidades de persoas en exclusión social, desempregadas, persoas privadas de liberdade, con adicións, migrantes, persoas sen fogar…, con máis de vinte programas en activo comprendidos en catro grandes áreas de actuación: formación e incorporación laboral, intervención en medio penal, intervención social e igualdade. Como explica Ana M. Álvarez Franco, directora da organización, “ao longo dos anos fóronse creando novos programas e novas accións, porque tamén as persoas ás que estaban dirixidos os iniciais foron cambiando e foron cambiando as súas situacións”. Ademais, a entidade colabora con diferentes organismos públicos e privados e participa en diversas redes asociativas, tanto a nivel autonómico como estatal.
Respecto ao futuro, a maioría das técnicas e técnicos que desempeñan diariamente a súa labor na Fundación, comparten unha idea común: que o traballo da entidade deixe de ser necesario e que ninguén precise dos seus servizos. Polo momento, a Fundación Érguete-Integración continúa traballando, coa enerxía do primeiro día, a carón das persoas que máis o necesitan, loitando polo fin das desigualdades e pola consecución real de dereitos básicos como o acceso á vivenda, ao traballo e a unhas condicións de vida dignas.





