O Concello de Ponteareas acollerá este sábado, ás 18:00 horas no Auditorio Reveriano Soutullo, a gran festa do ciclismo galego, onde se darán cita os protagonistas de todas as modalidades no 2024, así como os homenaxeados polas súas traxectorias.
Esta mañá ofrecéronse todos os detalles desta gala anual, que será presentada polo presentador e xornalista Terio Carrera, nunha presentación na que asistiron a alcaldesa do Concello de Ponteareas, Nava Castro; o concelleiro de Deportes, Luís Rodríguez; o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; e o seu vicepresidente, Óscar Sánchez.
O concelleiro de Deportes deu a benvida a todo o equipo da Federación e mostrouse agradecido “por que pensarades en Ponteareas como sede para esta importante gala anual dos premios do 2024. É un pracer que se realice por primeira vez na historia nas nosas instalacións. Ponteareas é ciclismo e, por iso, só queremos trasladarvos que estamos encantados con esta celebración, pero tamén con todo o que chegou e chegará relacionado con este deporte na nosa vila”.
O presidente da Federación destacou que este sábado, Ponteareas “acollerá o acto máis importante do ciclismo galego, onde se recoñecen a máis de 150 participantes dos rankings das copas tanto a nivel autonómivo como nacional, aos equipos, e as 16 mencións especiais, unha delas ao Concello de Ponteareas, polo gran traballo que está facendo pola promoción do ciclismo a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional porque hai imaxes que dan a volta ao mundo. Estou seguro de que a gala será un éxito e convido a todos os veciños e veciñas a que veñan a desfrutar deste evento e coñecer aos grandes ciclistas.
A alcaldesa explicou que “o ciclismo forma parte da nosa esencia. Poucas localidades poden presumir de contar con tres gañadores da Volta Ciclista a España: os nosos queridos Delio e Emilio Rodríguez Barros e Álvaro Pino. Por iso para nós é tan especial poder acoller esta gala. Ademais, este ano fainos especial ilusión xa que, fai uns días, a Federación anunciou as dezaseis Mencións Especiais que se entregarán na Gala deste sábado e temos a honra de que o noso Concello recibirá unha delas, como recoñecemento polo indispensable apoio institucional ao ciclismo”.
Mencións especiais na Gala do Ciclismo Galego 2025
Ciclistas, clubs, empresas, institucións públicas, eventos e medios de comunicación recibirán o recoñecemento da FCG. A Federación Ciclismo Galego (FCG) homenaxea cada ano na súa festa a ciclistas, clubs, empresas, institucións públicas, eventos e medios de comunicación que merecen unha distinción por fitos que transcenden os resultados nas competicións. A listaxe de galardóns por este motivo é a seguinte:
Club Ciclista Cambre – Recoñecemento e felicitación polo seu 25 aniversario
Club Ciclista Cidade de Lugo – Recoñecemento e felicitación polo seu 25 aniversario
Club Ciclista Correcamiños – Recoñecemento e felicitación polo seu 25 aniversario
Club Ciclista RP3 – Singletracks Outdoor Sports – Recoñecemento e felicitación polo seu 25 aniversario
Grupo Deportivo Supermercados Froiz – Recoñecemento e felicitación polo seu 25 aniversario
Lois De Jesús Guisande – Recoñecemento e felicitación polo seu paso ao ciclismo profesional
Samuel Blanco Prol – Recoñecemento e felicitación pola súa traxectoria no ciclismo profesional
Empresa Cortizo – Recoñecemento como o mellor patrocinador privado e agradecemento polo seu indispensable apoio ó ciclismo
Concello de Ponteareas – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio institucional ao ciclismo
Xunta de Galicia – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio institucional no Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Deputación de Pontevedra – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio institucional no Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Concello de Pontevedra – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio institucional no Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Consellería do Mar – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio institucional no Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
O Gran Camiño – Recoñecemento como mellor evento ciclista do 2024 e felicitación a EME Sports pola súa organización
Radio Pontevedra-Cadena Ser – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio na difusión do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Diario de Pontevedra – Recoñecemento e agradecemento polo seu indispensable apoio na difusión do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024




