A Eurocidade Tui-Valença presenta este mércores, na antiga alfándega de Valença o estudo “Mobilidade Urbana Sustentable Tranfronteiriza da Eurocidade Tui-Valença”.
Esta é a primeira das actividades coa que Tui e Valença se suman á Semana Europea da Mobilidade promovida pola Comisión Europea e que se celebra até este domingo.
Este plan “Mobilidade Urbana Sustentable Tranfronteiriza da Eurocidade Tui-Valença” ten por obxectivo contribuír ao incremento da oferta de transportes públicos entre os dous núcleos urbanos da Eurocidade. Esta acción forma parte do proxecto Rede_Gov_Minho, cofinanciado polo Interreg VI-A, 201-2027 España-Portugal.
Para o domingo está prevista unha andaina, o peche ao tráfico da vella Ponte Internacional, e percorridos en trens turísticos entre os centros urbanos de Tui e Valença.
Así este domingo ás 10 h ES sairá dende a praza da República, na Fortaleza de Valença unha andaina que, guiada polo club Anda Tui Rego da Pedra, levará aos participantes até o conxunto histórico de Tui. A participación é gratuíta. Para aquelas persoas que desexen participar na andaina dende Tui ás 9.30 h Es sairá un tren turístico dende a praza da Inmaculada até o punto de partida. E ao remate, ás 12.30 h ES outro tren realizará o traxecto dende a praza da Inmaculada até a fortaleza de Valença.
Amais o domingo, de 9 a 18 h ES a vella Ponte Internacional pecharase ao tráfico. A mesma estará accesible para os peóns e para os trens turísticos que ao longo da xornada, de forma gratuíta, realizarán percorridos entre Tui e Valença. O tren turístico de cor branco parará no interior da Fortaleza de Valença e na praza da Inmaculada de Tui, e o de cor vermello farao na Avenida Miguel Dantas de Valença, na praza de Abastos de Tui e no edificio Francisco Sánchez.
O obxectivo destas actividades é promover e facilitar o debate, xunto coa comunidade da Eurocidade, sobre a necesidade de mudar o comportamento en mobilidade, en particular no que se refire ao uso do automóbil particular.