spot_img
InicioBaixo MiñoA enóloga Susana Esteban e a Asociación Amigos da Catedral Premios Cidade...

A enóloga Susana Esteban e a Asociación Amigos da Catedral Premios Cidade de Tui 2024

a-enologa-susana-esteban-e-a-asociacion-amigos-da-catedral-premios-cidade-de-tui-2024
Photography by Fabrice Demoulin

O Concello de Tui acordou designar á enóloga Susana Esteban Ordoñez como Premio Cidade de Tui 2024 na categoría individual e á Asociación “Amigos da Catedral” na categoría colectiva, logo da deliberación do xurado designado para a escolla destes recoñecementos.  Estes premios foron creados en 2021 para recoñecer anualmente o labor daquelas persoas e entidades que teñan realizado unha achega de carácter exemplar á vida local ou teñan contribuído coa súa traxectoria á promoción de Tui.

Revista Cousas De Nº20

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes galardóns da edición 2024 recoñecen o relevante papel que no mundo dos viños en Portugal ten logrado Susana Esteban recoñecida como “Enóloga do ano” e cunha acreditada traxectoria neste ámbito profesional e cunha afamada excelencia nos caldos que produce. Pola súa banda, “Amigos da Catedral” con 33 anos de existencia ten sido ao longo destas décadas un dinamizador constante da vida na catedral tudense pero tamén na propia cidade con múltiples iniciativas ao longo destes anos, dende o Ciclo Ibérico de Música Sacra, a exposición de “Belenes del mundo” ou pola súa xestión da igrexa de San Domingos sempre aberta a iniciativas culturais.

Os Premios Cidade de Tui foron creados polo Concello de Tui no ano 2021 sendo concedidos nestes dous anos na categoría colectiva á Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados,  SOS Tomiño – Baixo Miño e a Radio Municipal de Tui, mentres que na categoría individual foron premiados Silverio Rivas, Alberto Romero “Romer” e Juan Carlos García-Valdecasas Salgado.

Os premios “Cidade de Tui” serán entregados nunha gala que se celebrará no Teatro Municipal tudense o vindeiro sábado 30 de marzo.

A Asociación de Amigos da Catedral de Tui foi fundada no ano 1991 impulsada por Domingo Cameselle Bastos, sacerdote encargado do culto na Catedral dende 1990, tendo como primeiro presidente a Manuel Martínez González. Dende aquel momento comezou unha intensa actividade de dinamización tanto da vida da Catedral como, por extensión, da nosa cidade que ata aquel momento tiña unha incipiente vida cultural que esta Asociación impulsou decididamente dende aquel momento, destacando a edición do seu boletín “Pórtico”, a creación en 1993 do “Ciclo Ibérico de Música Sacra”, concertos diversos na Catedral, a xestión da chamada Sala Arcebispo Lago, nos baixos do Museo Diocesano, que acolleu innumerables exposicións, ciclos de conferencias, cursos,  etc. Un labor que contou con novas iniciativas como a exposición “Belenes del mundo” ou a organización do pregón da Semana Santa tudense.

En 1992 asumiu a xestión da Igrexa de San Domingos, abrindo esta etapa cunha exposición conxunta do escultor Juan José Oliveira e o pintor Xavier Pousa, primeiro eslabón dun ciclo de actividades baixo o nome de “Música y arte en Santo Domingo”. Este templo histórico acolleu dende aquel momento numerosas actividades de carácter cultural ao longo destas tres décadas.

En marzo de 1992 asumiu a presidencia da Asociación, Eduardo Cadenas Dapena, que continua na actualidade. Ao longo destes 33 anos “Amigos da Catedral” acredita un prolongado labor que ten enriquecido a vida da Catedral tudense e contribuído de forma excepcional a converter á nosa cidade nunha referencia na vida cultural.

Susana Esteban Ordoñez naceu en Tui. É licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e ten un Máster en Viticultura e Enoloxía pola Universidade da Rioxa.

Iniciou a súa carreira como enóloga en 1999 no Douro, primeiro, na emblemática Quinta do Couto e, logo, na pioneira Quinta do Crasto. Desde a vendima de 2007 traballa como consultora para distintos produtores do Alentejo. Durante este percorrido, o seu traballo foi recoñecido tanto a nivel nacional como internacional. En 2012 foi galardoada co premio máis prestixioso que pode recibir un enólogo/a en Portugal, o título de “Enólogo do Ano”, pola Revista de Vinhos, sendo ata o de agora a única muller en recibir esta distinción. A finais do ano 2009 Susana Esteban decidiu emprender o seu proxecto persoal co obxectivo de crear viños cun carácter distinto do Alentejo tradicional. Atopou o sitio na Serra de San Madede, en Portalege e comezou a súa aventura persoal, elaborando o seu primeiro viño, o Procura 2011.

A súa filosofía e o seu carácter innovador plásmase nos seus proxectos persoais: os viños Procura e Aventura, así como a súa sociedade con outra das enólogas portuguesas de primeira liña, Sandra Tavares, ou a súa etiqueta Sidecar, para cuxa elaboración convida cada ano a figuras de renome no mundo da enoloxía.

Susana Esteban ademais da súa calidade profesional, que xa xustifica o premio, expresa de modo excepcional a condición transfronteiriza da nosa cidade e das nosas xentes que senten tan cerca a Portugal.

- Publicidade -spot_img