Inicio Galicia A directora de Turismo de Galicia visita a terceira edición da exposición...

A directora de Turismo de Galicia visita a terceira edición da exposición ‘Camelia, flor de Galicia’

Nava-Castro-directora-Turismo-Galicia-visita-terceira-edición-exposición-Camelia-flor-de-GaliciaA directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou hoxe en Santiago a exposición “Camelia, flor de Galicia” que desde onte está a deleitar, no Pazo de Fonseca, a todos os galegos e turistas que pasan a Semana Santa na capital de Galicia.

Trátase dun proxecto expositivo organizado por Turismo de Galicia, en colaboración coa Sociedad Española de la Camelia, a Universidade de Santiago de Compostela e mais o Concello de Santiago, que ten por obxecto poñer en valor a flor emblemática de Galicia como produto turístico.

A exposición, que celebra este ano a súa terceira edición, acolle máis de 200 variedades de camelia das mellores coleccións privadas de Galicia.

Trátase, deste xeito, dun espectáculo de beleza e cor difícil de ver noutros lugares de Europa e que se une ás numerosas exposicións desta flor que se celebran anualmente na nosa comunidade. Esta mostra sen embargo conta cun atractivo especial por ter lugar en Santiago de Compostela, en plena Semana Santa e no incomparable claustro do Pazo de Fonseca, a carón da Catedral de Santiago, meta da ruta xacobea.

Ademais, esta exposición serve tamén de escenario para presentar unha recompilación de pezas da cultura galega, principalmente de artesanía, dun xeito orixinal e totalmente integrado na mostra entre as espectaculares camelias que se exhiben.

Así mesmo, o proxecto expositivo ten como obxectivo dar a coñecer dous produtos turísticos que constitúen un gran reclamo: a Ruta da Camelia e Viños e Camelias. É por isto que a exposición conta nas súas inmediacións cun punto de información turística de Galicia como destino en xeral e sobre estes produtos en particular.

Galicia como destino experiencial

Galicia é o segundo lugar do mundo con máis especies de Camelia despois do Xapón. Existen unhas oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias.

Esta flor viste numerosos xardíns de pazos, fortalezas e casas señoriais de Galicia, forma parte tamén de numerosos xardíns e fincas, tanto públicas como privadas, e mesmo se atopa nos centros das cidades.

A camelia converteuse así na flor insignia de Galicia e para moitos é o eixe vertebrador da súa actividade, principalmente para aqueles que dedican o seu tempo e esforzo ao seu cultivo que logo se exalta en varias exposicións.

Deste xeito, forma parte do patrimonio histórico e botánico da xeografía galega e posúe unha gran potencialidade como recurso turístico.

A súa historia, a súa tipoloxía, as súas características, a súa variedade de formas, cores e tamaños, fan da camelia unha flor tan especial coma interesante e un recurso que incide na imaxe de Galicia como destino experiencial.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies