spot_img
InicioBaixo MiñoA Deputación ponse ao servizo da comarca do Baixo Miño para traballar...

A Deputación ponse ao servizo da comarca do Baixo Miño para traballar en materia de residuos e mobilidade

Os concellos plantexaron a necesidade de xuntarse entre eles para acadar unha xestión do lixo eficaz e incluso de botar a andar unha planta comarcal de compostaxe

Deputación-ponse-servizo-comarca-Baixo-Miño-traballar-materia-residuos-mobilidadeA Deputación provincial púxose onte, da man do seu vicepresidente, César Mosquera, a disposición dos concellos do Baixo Miño para colaborar e traballar de forma conxunta nas materias de tratamento de residuos e de mellora da mobilidade e accesibilidade dos espazos urbanos. A reunión, convocada pola institución provincial e á que asistiron representantes dos concellos de Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal e Oia, foi unha das “máis activas” das celebradas ata o de agora pola Deputación ao longo de toda a provincia: os concellos propuxeron iniciativas concretas sobre a mesa como a creación dunha planta de compostaxe comarcal que, se ben é só unha idea, reflexa o interese e implicación dos alcaldes e concelleiros con estes temas.

O vicepresidente provincial saíu moi satisfeito da reunión e indicou que, en canto ao tratamento do lixo, ” vai haber acordos concretos en toda a provincia, pero nesta comarca en particular estou absolutamente convencido visto o ambiente, a disposición e o interese… Xa hai cousas en marcha na maioría dos concellos en canto a compostaxe e puntos limpos, e hai que ir traballando así”, subliñou, “porque xa estamos en fase propositiva e de solucións concretas entre os técnicos locais e provinciais”.

Según dixo Mosquera, a Deputación pretende traballar nunha colaboración total cos concellos, e deixa na súa man a decisión sobre o tipo de tratamento lixo máis acaído ás necesidades e dimensións de cada municipio, tendo como referencia a compostaxe e os tratamentos biolóxicos. A partir de aí, a institución provincial estaría disposta a adxudicar, xestionar, financiar a posta en marcha do servizo e incluso realizar o cobro do recibo aos veciños. “O importante é a implicación dos concellos para que se poñan en marcha os tratamentos. Serán eles os que decidan “,  explicou.

A proposta da Deputación ven dada pola obriga dos municipios, que teñen as competencias en materia de residuos, de cumprir co obxectivo europeo de reciclar ou reutilizar a metade dos residuos que xeran no ano 2020. No canto de non alcanzar esta cifra, terían que facer fronte a posibles sancións económicas

No ámbito dos residuos, Mosquera subliñou a posta a disposición dos concellos dun novo asesor, Carlos Pérez, un experto que xa ten traballado coa Generalitat de Cataluña e outras administracións punteiras na materia. Ademais, lembrouse a invitación a unhas xornadas sobre tratamento de residuos en Navarra para que os técnicos locais coñezan diferentes tipoloxías de xestión lo lixo que se poden aplicar na provincia.

“O mellor residuo é o que non se produce, e unha vez que se produce, o mellor residuo é o que non entra nos circuíto, tanto falando en termos económicos como ecolóxicos”, insistiu o vicepresidente, que indicou que se hai vontade de crear unha mancomunidade para a xestión do lixo será unha proposta “sumamente interesante”.

Cultura de accesibilidade

Mosquera explicou tamén no encontro que a accesibilidade e a mellora da seguranza viaria serán tamén outros obxectivos deste mandato na Deputación. Nestes momentos, lembrou o vicepresidente, “estanse a gastar cartos para mellorar espazos urbanos, pero ‘doen os dentes’ de ver como se está a facer”.

Mosquera explicou que é preciso instaurar unha cultura da accesibilidade e que se aplique o concepto de xeito integral en tódolos proxectos en marcha. Tamén subliñou que é preciso poñer un punto e final á creación de barreiras: “se se consigue que nas obras públicas e nas actuacións privadas non se creen máis, eso xa é unha vitoria”, apuntou . Para que os municipios da provincia poidan ter unha referencia de como traballar neste ámbito, o asesor Jesús Fole, arquitecto que deseñou as primeiras actuacións de reforma urbana en Pontevedra aportará a súa experiencia. “Pódense facer ben as cousas gastando menos cartos sempre que as cousas se consulten antes de facelas. Preferimos aconsellar antes que parar ningunha obra despois”, sinalou Mosquera, que recoñeceu que hai proxectos provinciais adxudicados que se terán que modificar na execución porque presentan serias deficiencias.

En canto á seguranza viaria, tema que tamén se tratou no encontro, Mosquera explicou que Pontevedra presenta un das peores cifras de sinistralidade de todo o Estado, polo apostou por que a Deputación faga todo o posible na mellora do viario provincial e no asesoramento municipal, ao tempo que esixa ás demais administracións que se impliquen e eliminen elementos de perigo nas súas estradas

O encontro tamén serviu para poñer sobre a mesa a necesidade de posta en valor dos montes da provincia. A Deputación, neste sentido, traballará ao lado dos concellos e das comunidades de montes para a creación de parques forestais en zonas nas que se precisa unha rexeneración, actuando con repoboacións, creación de sendeiros, miradoiros e outros elementos que aporten valor a áreas que actualmente están moi degradadas.

Acollida moi positiva

O ofrecemento de asesoramento por parte da Deputación foi acollido por tódolos alcaldes e concelleiros con moita satisfacción. De feito, a maior parte dos presentes xa se puxeron en contacto cos dous técnicos provinciais para obter consello sobre proxectos concretos

No caso do Concello de Tui, o alcalde agradeceu ao vicepresidente ter elixido a Casa Consistorial do seu municipio para celebrar o encontro. Manifestou a gran sensibilidade polos temas propostos (residuos e mobilidade) e apuntou que a súa vontade é optimizar os recursos existentes para acadar un tratamento de lixo máis eficiente e menos custoso para os veciños. En canto á mobilidade, apuntou que xa ten solicitada unha visita de Jesús Fole á vila con fin de que faga achegas para o “ambicioso plan de redeseño do entramado urbano” previsto.

A alcaldesa de Oia, pola súa banda, incidiu na importancia da mellora da seguranza viaria en determinados tramos de estradas provinciais, e solicitou colaboración provincial no saneamento de augas residuais, ámbito no que o organismo provincial non terá problema en colaborar no posible, aínda sendo competencia  local e autonómica.

Por parte de A Guarda, tanto o alcalde como o concelleiro de Medio Ambiente expuxeron as súas experiencias na compostaxe e falaron da importancia que, no seu concello, supoñen os puntos limpos. En canto á accesibilidade e seguranza viaria, tamén fixeron fincapé na necesidade de traballo conxunto, por exemplo, na urbanización da rúa Concepción Arenal, de titularidade provincial.

Do concello de Tomiño, a súa alcaldesa, falou da xestión do lixo como “un buraco negro” na economía dos concellos e puxo sobre a mesa a importancia de tratar o tema de forma conxunta cos municipios veciños “porque ao mellor pode haber unha política en conxunto”.

A concelleira de Medio Ambiente de O Rosal, ademais, apuntou a súa dispoñibilidade para aplicar sistemas de xestión realistas que consigan reducir o lixo e o seu custe, e agradeceu a posta a disposición dos asesores provinciais, así como o convite ás xornadas de Navarra, que servirán para aplicar experiencias perfectamente extrapolables na zona do Baixo Miño.

- Publicidade -spot_img