A creación da Orquestra Sinfónica Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, é o novo reto musical do IKFEM Festival Tui-Valença, a iniciativa-inspirada na Orquestra West Easter-Divan, de Daniel Barenboim -xorde como un novo instrumento para impulsar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal e espera promover a cohesión social e convivencia a través da música como linguaxe universal.
Conta tamén co apoio do comisariado artístico do Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Academia de Música Fortaleza de Valença e estará formada por mozos músicos dos 26 municipios que rodean as ribeiras de ambos os lados do río Miño. A convocatoria para participar nesta nova orquestra está aberta ata o 15 de xuño na web do festival: ikfem.com. ÓUSEA estrearase na Fortaleza de Valença, o 19 de xullo, co concerto “70 Voltas ao Sol”, de Jorge Palma e baixo a dirección de Cesário Costa.
Inscrición na Mostra Creativa
O tráfico normal na ponte internacional de Tui será interrompido o 20 de xullo para dar paso a unha mostra de arte nas dúas beiras do río. Os máis de 400 metros de ponte servirán como pasarela para a arte en vivo como música, pintura, danza, poesía ou circo, así como para eventos gastronómicos con chefs de ambas as beiras do río.
O mellor proxecto recibirá o recoñecemento “Talento Eurorrexión 2024” que outorga a AECT Galicia-Norte de Portugal. Os interesados en presentar os seus proxectos teñen aberto o prazo ata o 7 de xullo. Poden inscribirse en www.ikfem.com.
A programación:
6 concertos únicos IKFEM 2024 arrincará a súa programación o 17 de xullo na Fortaleza de Valença co talento de dous artistas, Salvador Sobral e Marco Mezquida co concerto “Cosa de dois”. Ao día seguinte, a soprano María Hinojosa e o Trío Preseli ofrecerán “Conexións Atlánticas”, mentres que o 19/07 presentarase “70 Voltas ao Sol”, a estrea da Orquestra Eurorexión, antes mencionada.
Unha parella de excepción formada por Chano Domínguez & Mário Laginha ofrecerán un diálogo sobre o jazz, un concerto inédito a dous pianos que se ofrecerá a noite do 20 de xullo, despois da Mostra Creativa.
O 21 de xullo soarán as voces do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia xunto ao organista da Catedral de Santiago, Adrián Regueiro e baixo a dirección de Javier Fajardo celebrarán a riqueza musical de España e Portugal con obras de compositores ibéricos. As entradas, cun prezo simbólico de 5 euros, xa están á venda e pódense adquirir na web: www.ikfem.com
Esta iniciativa nace co apoio da Deputación de Pontevedra e a Consellería de Educación da Xunta, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.





