spot_img
InicioGaliciaA Consellería de Traballo convoca máis de 2.100 prazas para o recoñecemento...

A Consellería de Traballo convoca máis de 2.100 prazas para o recoñecemento das competencias profesionais a través da experiencia laboral

Servicios SociosanitariosEn total 7.641 persoas pasaron xa este procedemento, das que 4.171 obtiveron un certificado de profesionalidade e 751 obtiveron acreditacións parciais de unidades de competencia

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Emprego e Formación, publica hoxe no DOG, a sétima convocatoria do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.

Convócanse un total de 2.110 prazas para 9 cualificacións: atención sociosanitaria a persoas no domicilio (598 prazas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (562 prazas); servizos para o control de pragas (50 prazas); socorrismo en espazos acuáticos naturais (200 prazas); socorrismo en instalacións acuáticas (300 prazas); información xuvenil (50 prazas); xestión de servizos para o control de organismos nocivos (50 prazas); extinción de incendios e salvamento (100 prazas); e transporte sanitario (200 prazas).

Estas 3 últimas cualificacións (xestión de servizos para o control de organismos nocivos, extinción de incendios e salvamento e transporte sanitario) convócanse por primeira vez, mentres que das outras especialidades xa se realizaron varias convocatorias. En concreto, de atención sociosanitaria esta é a quinta convocatoria; e de socorrismo, servizos de control de pragas e información xuvenil é a terceira.

As cualificacións convocadas responden a necesidades ou demandas de acreditación, en moitos casos por tratarse de actividades ou profesións reguladas por normativa europea, estatal ou autonómica, que establece que será requisito imprescindible para desempeñar a ocupación ou profesión posuír un título ou certificado de profesionalidade que acredite a súa cualificación profesional. En moitos casos os traballadores veñen desempeñando durante anos unha profesión que corren o risco de perder se non logran esa acreditación oficial. É o caso dos profesionais de atención sociosanitaria, do socorrismo, do control de pragas, e do transporte sanitario.

Reserva para a lista de espera
Entre todas as cualificacións destacan polo seu volume as de atención sociosanitaria, xa que son case a metade das convocadas, en total 1.160 prazas. No total destas prazas convocadas, unha parte importante resérvase para as persoas que quedaron en lista de espera na anterior convocatoria, co que estas persoas entran directamente nesta convocatoria, non necesitan inscribirse de novo, nin presentar documentación.

Na páxina web de Traballo e Benestar publícanse, xunto coa resolución de convocatoria, as listaxes de persoas en lista de espera na anterior convocatoria. Estas persoas só terán que estar pendentes de que, posteriormente, a partires do 15 de decembro, se publique na páxina web o calendario de asesoramento, no que se lles indica lugar, día e hora para comezar coas sesións de asesoramento.

Pola súa banda, os novos candidatos, deberán cubrir e presentar o modelo de solicitude e o modelo de currículum vitae europeo que se xuntan como anexo na resolución de convocatoria, e xuntar a documentación xustificativa da súa experiencia profesional e/ou formación non formal: vida laboral, contrato de traballo ou certificado de empresa ou diplomas dos cursos de formación. Disporán dun mes para inscribirse, ou sexa, ata o 3 de xaneiro de 2015, salvo para as cualificacións de extinción de incendios e salvamento e transporte sanitario, nas que o prazo para inscribirse será do 15 de febreiro ao 15 de marzo de 2015.

Con esta convocatoria dáselle continuidade ás que se veñen publicando desde 2011, con preto de 2.000 prazas anuais. En total lévanse convocado 7.581 prazas, ás que hai que sumar as 2.110 deste ano (o que fai un total de preto de 10.000). En total 7.641 persoas pasaron xa polo procedemento, das que 4.171 obtiveron un certificado de profesionalidade e 751 obtiveron acreditacións parciais de unidades de competencia.

- Publicidade -spot_img