A redución de emisións, a rexeneración dos fondos, a limpeza das dársenas, a creación de novos hábitats ou o desenvolvemento de mecanismos de compensación de emisións, entre os principais retos do grupo de traballo
Máis dunha vintena de representantes do sector científico e investigador galego participaron esta mañá nunha nova reunión da Comisión de Biotecnoloxía e Enerxía Azul, enmarcada dentro da estratexia de Crecemento Azul (economía azul sostible) do Porto de Vigo, que tivo lugar no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo.
O encontro estivo presidido polo máximo responsable portuario, Jesús Vázquez Almuiña, e parte do seu equipo directivo, así como pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez, e representantes do Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Instituto de Investigacións Mariñas ( IIM-CSIC), o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), a Asociación Nacional de Mujeres da Pesca ( ANMUPESCA), o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Confraría de Pescadores de Vigo, as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños ( CEMMA), o Centro Tecnolóxico EnergyLab, e as firmas Econcrete -enxeñería israelí-, Soltec (fabricación e subministración de seguidores solares), Inova Labs (consultoría tecnolóxica en Innovación, Emprendemento, Dixitalización e Sustentabilidade), Univergy (Enerxías Renovables), Neuwalme (solucións para aplicacións de movemento industrial baseadas en tecnoloxías oleo-hidráulica, pneumática e mecatrónica), e INSTRA (empresa de servizos de arquitectura, enxeñería e consultoría).
A reunión serviu como punto de encontro para poñer en común temas de interese que afectan á competitividade do sector da biotecnoloxía e a enerxía azul, ademais de para deseñar e poñer en marcha estratexias de acción conxunta.
Retos e obxectivos
Neste sentido, entre os retos da nova estratexia lanzada desde a Autoridade Portuaria de Vigo para o período 2021-2027 destacan a mellora da biodiversidade e o obxectivo de lograr as cero emisións para o 2030.
No que respecta a a mellora da biodiversidade cara a un Pacto Verde, a institución que preside Vázquez Almuiña traballa en diferentes liñas de actuación para lograr a rexeneración dos fondos mariños e a limpeza das dársenas, así como na compensación e mitigación do cambio climático, da man de proxectos como “ Living Ports”, a potenciación da biodiversidade mediante o uso de sistemas artificiais que xeren novos hábitats no Porto (“ Peiraos do Solpor”) ou o desenvolvemento de mecanismos de compensación de emisións propios.
Pola súa banda, no tocante ao obxectivo de lograr as cero emisións para o 2030, a Autoridade Portuaria de Vigo aposta pola incorporación de novas tecnoloxías que faciliten o control e xestión do consumo enerxético (proxectos “PORTOS”, “Porto autosuficiente-cero emisións” e “Lonxa 4.0-autosuficiente”), unha transición xusta (cara a unha mobilidade marítima e portuaria sostible, respectuosa co medio ambiente e cos núcleos urbanos e a incorporación de hidróxeno e electricidade como combustible -proxectos “ OPS”, “Green Bay” e “Julio Verne”-), a implantación de enerxías renovables no espazo portuario: eólica, solar… (“Porto autosuficiente-cero emisións” e “Lonxa 4.0-autosuficiente”), o desenvolvemento dunha industria de enerxías renovables mariñas asociada ao Porto de Vigo, e a creación dunha oficina do cambio climático (Green Deal) con ferramentas que faciliten o cálculo da pegada de carbono e os procesos de toma de decisión e a redución de emisións a través da implementación de instalacións de enerxías renovables que faciliten a subministración eléctrica nas instalacións portuarias.
Neste sentido, a institución que preside Vázquez Almuiña puxo en marcha diversos proxectos e accións nos últimos anos entre os que destacan “ PuertAlMar”, “ Living Ports”, o “Plan Bouzas”, “Porto autosuficiente -cero emisións”, “Lonxa 4.0- autosufuciente”, “Green Bay Vigo”, “ Plastic- Less Society”, “Julio Verne”, “PORTOS” (porto energéticamente autosuficiente), “ OPS” ( Onshore Power Supply) ou accións como a celebración da Green Energy Ports Conference.
Noutra orde de cousas, durante a reunión mantida esta mañá informouse os membros da Comisión sobre a estratexia de sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, analizouse o estado actual do proxecto Living Ports, un proxecto único e que posiciona á terminal olívica como pioneira en proxectos de mellora de ecosistemas e captación de CO2, presentouse o proxecto sobre o hidróxeno (“Julio Verne”), e revisáronse os obxectivos, metas, indicadores e grao de consecución alcanzado na primeira etapa do Plan de Crecemento Azul (2016-2021), entre outros asuntos.



