Os menús de todos os colexios públicos de Nigrán son elaborados desde este curso no propio municipio. Este feito servíu onte de modelo de boas prácticas en promoción da saúde nos concellos de Galicia na terceira xornada ‘A Saúde en todas as políticas’ organizada en Santiago pola Escola Galega de Administración Pública e que o conselleiro de Sanidade inaugurou.
Este salto de calidade que permitíu prescindir do tradicional sistema de catering foi grazas á construción por parte do Concello dunha cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes tras realizar un investimento de 373.878 € e loitar coa Xunta para que nos pregos de contratación figurase a obrigatoriedade de empregala e unha redistribución dos lotes para abarcar a todas as escolas públicas da localidade. O resultado é histórico, desde aquí se elaboran directamente os menús dos aproximadamente 500 comensais dos colexios CEIP da Cruz, Carlos Casares, Mallón e o propio Humberto Juanes (o CPI Arquitecto Palacios e CEE de Panxón xa dispoñían de cociña propia). Finalizou así un sistema de catering decadente no que as crianzas recibían a comida elaborada a centos de kilómetros.
“Como goberno estamos moi orgullosos deste logro, froito de anos de traballo conxunto coa comunidade educativa. Estamos investindo na saúde e o benestar dos nenos e nenas de Nigrán, e para iso precisamente estamos en política: para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, indicou o alcalde, Juan González, quen intervíu telemáticamente ao atoparse en Santo Tomé e Príncipe para o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía como presidente do Fondo Galego de Cooperación. Para chegar ata este punto, a presión de máis dun ano de toda a comunidade educativa e do Concello traducíuse nuns novos plegos de concesión da Xunta que, ademais de recoñecer finalmente esta instalación como válida, redestribuíu os lotes para que a comida do CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares e Da Cruz (lote 21) se elaborase exclusivamente aquí. “O investimento pagou a pena porque doutro xeito, sen mobilizarnos xunto á comunidade educativa, nada tería cambiado: seguiría a cociñar un catering ubicado a centos de kilómetros, como ata agora”, resume González.
A nova concesionaria foi a gañadora de entre cinco empresas presentadas ao concurso público da Xunta, que partía dun prezo unitario de 5,83 + IVE. Así, descalificáronse as dúas que mellor oferta económica presentaran (4,45 € e 4,49 € respectivamente) ao considerar que realizaban unha baixa temeraria non xustificada e, finalmente, gañou Aramark cunha oferta de 4’77 €+IVE. Ademais, entre as cuestión que puntuaron favorablemente para esta empresa foi o compromiso de incluír produtos de tempada en todos os menús, que un 10% sexan ecolóxicos e que máis dun 50% dos proveedores sexan locais. “A súa comida é máis sabrosa, variada, equilibrada e nutricionalmente idónea, así que aos nenos xa notaron o cambio para ben”, explica.
“A alimentación das crianzas de Nigrán non é un asunto menor, por iso levamos anos de loita ata conquerir este resultado”, indica o alcalde, Juan González, quen recoñece que “a situación que había era insostible”. “As queixas eran fragrantes e tiñamos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios, e non estabamos dispostos a que se discriminase ao alumnado da ensinanza pública dentro dun mesmo municipio”, destaca.