Ata o 30 de agosto a Casa das Artes de Vigo acolle a exposición ‘Non fun’ de Pilar Alonso, sobre o ser e o estar dunha muller artista
Coa exposición ‘Non fun’, la artista viguesa Pilar Alonso proponse representar un mundo de identidades múltiples, un bucle de enmascaramentos, entre a exhibición e a ocultación, xogando co espazo do edificio non como un simple contedor senón como parte esencial nun mecanismo escópico desde o que observar e ao mesmo tempo ser observada, desde a consciencia de que é preciso o ollar do outro/outra para conformarmos a identidade e a existencia.
Partindo destes presupostos, a artista propón ao espectador penetrar neste universo plástico, como se estivese debruzándose sobre un escenario, e faino creando un ambiente que facilita que sintamos unha identificación intuitiva con ese universo, que percibamos un xénero de simpatía -no sentido etimolóxicointelectual por medio da cal nos colocamos no interior do mundo por ela elaborado, de modo que coincide con aquilo que é único no mesmo e, consecuentemente, non se pode espremer.
As imaxes son para Pilar Alonso, sobre todo, lugares do acontecemento, o tempo-agora, o Jetztzeit de Walter Benjamin. Acontecementos abertos e fragmentados, mais non por iso menos intensos, nos cales o espectador debe mergullarse para unha fluída percepción.
Na obra de Pilar Alonso está presente a análise do rol da muller na sociedade e na historia mais sempre o fai desde unha vontade de resaltar a centralidade da consciencia e desde a necesidade intensa de participar no decurso -e no discurso- colectivos partindo do máis íntimo.




