O Concello da Cañiza asina as actas de ocupación dos terreos da gran citania castrexa de As Grades. Un total de 113.446 m2 de terreo forestal dividido en 43 parcelas que esta semana pasaron á titularidade municipal e que lle costou ao Concello un total de 158.365,92€. Cantidade dispoñible grazas á sinatura dun préstamo.
Os terreos abarcan 11,3 hectáreas de Cidade chegando ata as fronteiras naturais que neste caso é o cauce do río.
Segundo manifestou o alcalde da localidade, Luis Piña, o proceso expropiatorio que se iniciou en decembro do ano 2022 tivo que salvar moitas dificultades, debido a que os títulos de propiedade de moitas parcelas todavía estaban rexistradas a nome de antepasados. Este foi un dos motivos polo que o Concello decidiu iniciar a expropiación para acelerar os trámites de cambio de titularidade a favor do Concello, por ser o mecanismo máis axeitado e rápido para desatascar a actuación.
Tras a sinatura das actas de recepción dos terreos de hoxe, o Concello inicia os traballos de recuperación desta grande fortificación castrexa que suporá para A Cañiza sacar á luz un importante e senlleiro patrimonio cultural, rexenerar ambientalmente a contorna e engadir un novo activo á oferta turística do Concello e mesmo da Comarca, con capacidade para atraer visitantes e turistas e reactivar a economía local.
«Recuperación dos Castros da Cidade de Achas e A Cerquiña é unha das actuacións máis importantes deste mandato. Un compromiso adquirido cando tomei posesión como Alcalde, que agora, despois de case 2 anos de tramitación, da os seus frutos”. Continúa manifestando o Alcalde «é unha honra poder sacar adiante este proxecto histórico, cultural e patrimonial que estivo encima da Mesa das distintas Alcaldías durante anos, pero que é agora cando se vai desenvolver», subliña o Alcalde
PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOS CASTROS CIDADE DE ACHAS E A CERQUIÑA
Trátase de 2 asentamentos fortificados, o Grande Castro da Cidade das Achas e o Castro da Cerquiña que destacan polo seu imponente sistema defensivo, dotado de grandes parapetos e murallas, como se recolle en varias memorias e anteproxectos que o Concello da Cañiza xa ten ao seu dispor .
Unhas actuacións que teñen por obxecto documentar os restos arqueolóxicos existentes no castro da Cidade e divulgalos entre os veciños mediante charlas, visitas e obradoiros, fornecendo un recurso patrimonial e turístico, visitable no noso Concello.
Esta actuación contempla tamén a creación dunha imaxe e nome para o proxecto de divulgación arqueolóxica, cun logo exclusivo e forte presencia nas redes sociais e prensa.
Inclúe charlas divulgativas previas á intervención, co obxectivo de concienciar aos veciños e implicalos no proxecto; o desbroce do xacemento e corta de especies arbóreas, principalmente eucaliptos, que non permiten contemplar o tamaño e grande dimensión do xacemento e por último unha importante intervención arqueolóxica co obxectivo de cubrir un mínimo de 8 sondaxes de 2×2 metros polos puntos de maior potencialidade arqueolóxica.
Co obxectivo de constatar restos arqueolóxicos, a intervención estará aberta ao público e divulgada mediante visitas puntuais.
A RECUPERACION DAS CITANIAS PERMITIRÁ COMPLETAR E MELLORAR A NOSA OFERTA TURÍSTICA
Será unha intervención de gran valor para o turismo non so da Cañiza senon tamén da comarca que axudará a fortalecer a cohesión territorial da zona da Paradanta e por suposto axudará A Cañiza a mellorar o seu abanico e competitividade turística.
Ademáis esta actuación axudará a poñer freo á pérdida da biodiversidade xa que o estado de abandono no que se atopa e a falta de uso das parcelas propiciou a ocupación da superficie por especies invasoras, danando a biodiversidade autóctona deste paraxe. “Con esta actuación conseguiremos recuperar a memoria da nosa orixe como Comunidade e os inicios da nosa cultura e Pobo e poñelos en valor a través da divulgación e visitas turísticas que tamén axudarán a crear riqueza impulsando a economía local.”




