O festival contará cunha carpa na que se repartirán materiais das campañas de sustentabilidade e igualdade da Deputación de Pontevedra.
O goberno provincial revalidará o seu compromiso co medio ambiente cara a transición ecolóxica no Barbeira SeaSon Fest, un festival que da prioridade á ecoloxía, a cultura e a economía circular e que se desenvolverá mañá, sábado 21 de setembro, na praia de Barbeira de Baiona.
Trátase dun evento especialmente comprometido coa redución dos plásticos, o seu uso non está permitido dentro do recinto e un dos escenarios leva por nome Escenario Cero Plásticos. A institución provincial achegará ao festival material das súas campañas de sustentabilidade e igualdade a través dunha carpa que estará aberta de 12 da mañá a 3 da madrugada. No primeiro caso, a Deputación reforzará o seu compromiso neste eido con material de Experiencias Sostibles, a iniciativa coa que este verán sensibilizou á poboación sobre as consecuencias do plástico no medio ambiente e a saúde e coa que repartiu máis de 100.000 elementos, entre eles bolsas de tea ou vasos biodegradables feitos con fécula de millo e pataca.
No evento, a institución provincial tamén repartirá material das campañas de igualdade #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS e #CONTACOMIGOEURESPÉCTOTE, para previr agresións sexuais categorizadas como violacións en cita e agresións por submisión química. Os folletos das campañas teñen contidos diferenciados para mozos e mozas, e amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima.
O Barbeira SeaSon Fest ten un cartel musical conformado por Los Punsetes, La Habitación Roja, Cecilio G., Cariño, Boyanka Kostova, La Bien Querida, Zeltia Irevire, Thomas Dylan & Balea, Axolotes Mexicanos, Manu TF Dj, Paula Docampo Dj e Ale González de Los Árboles. Os concertos estarán determinados polas mareas, de xeito que os que se prevé que atraerán máis público celebraranse con marea baixa.
Por outra banda, o festival contará con outras actividades programadas alén da música como sesións de ximnasia na auga para toda a familia e obradoiros de reciclaxe. Amais, terán lugar unha serie de actividades enfocadas a promocionar o Camiño de Santiago, en concreto ao itinerario portugués pola costa, que ten en Baiona un dos seus puntos de interese. Toda a programación está enfocada a acadar un ambiente acolledor e familiar, con diversidade de actividades para todos os públicos.



