Os clubs de lectura da Biblioteca Municipal de Soutomaior volven á actividade despois do verán. Despois do inicio do club de galego/castelán o mes pasado, agora é a quenda dos idiomas estranxeiros. Os membros de cada club reúnense dúas veces ao mes ao redor dun libro cuxo título se acordou con anterioridade para compartir as ideas, as sensacións e as opinións que xorden ao redor do texto seleccionado co resto dos compañeiros, mesmo se é posible, co propio autor.
Para o Club de lectura en alemán, un dos que máis acollida presenta e que reúne a xente procedente de toda a comarca, propúxose a obra Jeder Tag ein Weg zum, de Anselm Grün. Este grupo reúnese sempre os xoves, a partir das 16:00 horas, cada dúas semanas, comezando mañá mesmo co primeiro encontro coa coordinadora, Andrea Costas.
No caso do Club de Lectura en Francés, coordinado por Isabelle Nowak, as reunións celébranse o primeiro e terceiro luns de cada mes, ás 19:00 horas. O libro proposto para este primeiro ciclo é Lles hirondelles de Kaboul, de Yasmina Khadra.
Por último, o Club de Lectura en inglés, do mesmo xeito que o grupo de alemán, tamén se reúne os xoves alternos a partir das 19:00 horas. Este grupo está dirixido por Catherine Ou´Neill e ten como obra proposta para este mes o texto de Kathryn Stockett, The Help.
Todos os clubs contan con prazas limitadas. No caso das linguas estranxeiras, debido á complexidade dos textos propostos, aconséllase dispor dun nivel intermedio-alto no idioma seleccionado.
Para os interesados en participar no Club de galego/castelán, infórmase que aínda existen prazas e exemplares dispoñibles para a lectura deste mes, A Vida de Pi, de Yann Martel. Este grupo, dirixido por Eva Rodríguez Ferreiro, alterna mensualmente o idioma e reúnese o último mércores de cada mes ás 18:30 horas.