Inicio Galicia A Biblioteca de Galicia celebra o Día do Ilustrador poñendo en valor...

A Biblioteca de Galicia celebra o Día do Ilustrador poñendo en valor a obra do artista vigués Federico Ribas Montenegro

11,00 h.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participará na rolda de prensa do Día da Ilustración. foto xoán crespo 25/01/2019

A Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Ilustración o próximo mércores 30 de xaneiro poñendo en valor a obra do artista vigués Federico Ribas Montenegro, protagonista desta data que promove a Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a través do Calendario do libro e da lectura 2019. As actividades conmemorativas foron presentadas hoxe nunha rolda de prensa na que participou o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Ademais de adicarlle o Día da Ilustración a Federico Ribas Montenegro, a Biblioteca de Galicia tamén acollerá unha mostra de pequeno formato na que se exporán algunhas das obras máis singulares do ilustrador, debuxante e publicista. Tamén se celebrarán actividades en todas as bibliotecas que xestiona a Xunta de Galicia (Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña e a Biblioteca de Galicia), onde se levarán a cabo talleres, obradoiros, mostras ou clubes de lectura.

Pioneiro no eido da publicidade

O artista Federico Ribas fíxose coñecido esencialmente como ilustrador e como publicista, campo no que foi pioneiro. As abundantes portadas e ilustracións, xunto cos seus recoñecidos deseños publicitarios, outórganlle unha innegable fama no seu tempo. Tanto é así que chegou a ser o ilustrador español máis cotizado dos anos 20. Ribas foi quen de crear un estilo propio de raíces modernistas e de perfecto e estudado debuxo de liñas que, á vez que elaboradas, eran claras e sutís. Na súa traxectoria incluso colaborou coa popularización do modelo de muller moderna.

É especialmente coñecido como publicista, fixando na memoria da sociedade da súa época unha imaxe refinada, mundana e elaborada dos produtos que anunciaba. Destacan especialmente os anuncios que, ao longo de máis de vinte anos, deseñou para a casa de perfumería Gal, empresa española que chegou a ser o provedor oficial da familia real española.

Cubertas de publicacións

A calidade de Federico Ribas como debuxante abriulle as portas non só dos anuncios e ilustracións do interior dos libros e revistas, senón tamén das cubertas, tanto de libros como de publicacións periódicas, que confiaron no innegable atractivo dos debuxos de Ribas para atraer o público a través de imaxes coloristas e de enorme beleza. Ademais destas pequenas obras de arte, tamén realizou abundantes capas para as revistas de ampla tirada onde adoitaba publicar, entre as que destacan Blanco y Negro ou La Esfera.

Nacido en Bouzas e emigrado a Arxentina

O artista ao que este ano se lle adica o Día da Ilustración naceu na vila de Bouzas en 1890. A súa familia pertencía a burguesía conservera local e tiñan intención de que Ribas estudase Medicina. Este obxectivo non se logrou porque dende moi pequeno manifestou un gran interese e capacidade para o debuxo. Como tantos galegos, emigrou a Arxentina e viviu en Bos Aires ate que se mudou a París. Cómpre destacar tamén que durante a súa etapa en Bos Aires, onde se exiliou con motivo da Guerra Civil, realizou as adaptacións gráficas de El Quijote e de La isla del tesoro, ademais doutras obras, quizais menos coñecidas, como as ilustracións infantís para a editorial Atlántica, das que a Biblioteca de Galicia posúe varios exemplares.

Día da Ilustración

A Xunta creou no ano 2014 o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro. O obxectivo é potenciar este sector e situalo no lugar que lle corresponde. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao, gran debuxante ademais de político, escritor, pintor e médico, ao que se lle dedicou a primeira edición. Ademais, o ano pasada púxose en marcha a web do Día da Ilustración, onde están accesibles os principais recursos vinculados coa celebración.

Cómpre destacar tamén que cada ano se crea un cartel especial para esta data. Nesta edición o encargado do seu deseño foi o ilustrador galego Santy Gutiérrez, que o domingo impartirá un taller para nenos de entre 8 e 13 anos na Biblioteca de Galicia.

Mostra Internacional da Ilustración Contemporánea

Co obxectivo de poñer en valor o sector da ilustración en Galicia e a súa gran diversidade de propostas creativas, inaugurouse en decembro a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea na sede de Afundación en Santiago de Compostela. Lara Lars, María Hersse e Christoph Niemann son algúns dos artistas que participan nesta exposición que se poderá visitar ata o 10 de marzo. As datas desta exposición reaxustáronse para que coincidira coa celebración do Día da Ilustración.

A muller conta cun papel destacado nesta exposición na que 13 dos 16 participantes son mulleres, o que demostra a repercusión do seu traballo no ámbito da ilustración. Ademais, Galicia aparece representada por algunhas das súas ilustradoras máis recoñecidas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

694FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies