A mancomunidade do Baixo Miño ofrece o recurso de Atención Temperá destinado a nenos e nenas menores de 6 anos de idade contando con profesionais de fisioterapia, psicoloxía e logopedia. A Asociación Vontade colabora apoiando e complementando este recurso ofertando o servicio de Terapia Ocupacional, do que se están beneficiando, no que vai deste ano, case 30 nenos e nenas e as súas familias.
Ademais tamén proporciona o servicio de atención á infancia para aqueles nenos e nenas de 6 a 17 anos de idade, coa finalidade de dar continuidade ás terapias ao chegar á idade na que xa non son cubertas pola atención temperá, e proporcionar a mellor atención ás familias e á infancia con dificultades do desenvolvemento ou en risco de padecelas.
Os obxectivos principais deste servicio son acadar a máxima autonomía na realización de actividades da vida diaria ou mellorar as habilidades psicosociais e comunicativas dende unha metodoloxía baseada no xogo, favorecendo o correcto desenvolvemento da motricidade fina, das función executivas, mellora da grafomotricidade ou o traballo das habilidades psicosociais en función das necesidades de cada persoa. Dende a asociación tamén se traballa en constante coordinación con outros servicios, entidades ou centros (centros educativos, servicios sociais,…) e mediante a orientación, prestación de información e acompañamento ás familias.
Para poder levar a cabo este servicio de Terapia Ocupacional en Atención Temperá e Atención á Infancia, Vontade conta con financiación da Xunta de Galicia procedente da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, a cal foi xestionada dende COGAMI.
Esta ano ademais, grazas á dita financiación, tamén se poderá levar a cabo o Proxecto de reparación CRD Vontade. O Centro de Recursos Diúrnos Vontade é a sede na que se levan a cabo a maioría dos proxectos que desenvolve a entidade, ademais dos proxectos de atención temperá e infancia, tamén a atención a persoas adultas. Para poder ofrecer a maior calidade dos servizos, necesitamos contar cunhas instalacións axeitadas e que, ademais de estar totalmente adaptadas e de ser accesibles para todas as persoas, cumpran con todos os mínimos de seguridade e habitabilidade, non só para que sexa posible levar a cabo todas as actividades, senón para que estas se realicen coa máxima calidade posible. Para iso necesítanse realizar unha serie de reparacións que permitan seguir mantendo as condicións de idoneidade necesarias do centro. Gracias a colaboración da Xunta de Galicia, este ano poderanse levar a cabo tales actuacións.
Grazas ás persoas que marcaron o X Solidario na declaración da renda, no recadro “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”, xa que elas son as que fan posible realizar e dar continuidade a proxectos como os da Asociación Vontade e asegurar a consecución de obxectivos como fomentar o acceso a recursos e servicios especializados en zonas rurais.
Vontade é unha a asociación sen ánimo de lucro que nace en 2003 ante as necesidades comúns de servizos especializados demandados por persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño. Dende a entidade se traballa para defender os dereitos deste colectivo ofrecendo os recursos precisos para fomentar a autonomía e autorrealización persoal e a inclusión social. Dende o noso centro de recursos para persoas con discapacidade situado en Tomiño, ofrecemos distintos servizos (Centro diúrno-terapéutico, atención á infancia, información e asesoramento, terapias individualizadas, etc.) dende as seguintes áreas profesionais: Educación Social, Fisioterapia, Logopedia, Psicoloxía, Terapia Ocupacional e Traballo Social.
A Asociación de persoas con Discapacidade Vontade atópase situada no barrio A Rocha 19B en Tomiño, 36740. Pódese contactar connosco no número de teléfono 986.62.30.44 ou no enderezo electrónico info@vontade.org. Tamén se pode ter acceso a máis información na nosa páxina web www.vontade.org ou no noso perfil de Facebook @Asociación.Vontade ou Instagram @vontade.asociacion



