O vindeiro martes 30 de maio será o peche de tempada do programa de obradoiros interxeracionais organizado pola área de Didáctica do MARCO en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia), que volverá a retomarse a partir de outubro
Última sesión con MIMO, can de terapia
Xunto ás persoas maiores e público infantil que son participantes habituais, esta última sesión estará protagonizada por Mimo, un pastor Border Collie acreditado oficialmente como can de terapia, e conducida pola súa dona, técnica en terapias asistidas con cans e traballadora social en AFAGA, Victoria Lago Candeira.
Mimo, que chegou a converterse en can de terapia tras ser maltratado e abandonado, é un exemplo de como un animal de descarte pode chegar a ser un referente de recuperación e proxección social grazas á educación en positivo. A través da súa interacción cos participantes, comprobaremos como o bo trato é o recurso fundamental para relacionarnos coas persoas e animais, coa natureza e coa nosa contorna, fomentando actitudes amables e respectuosas. A sesión estruturarase en dúas fases, incluíndo varias actividades de xogo directo, e a creación dun retrato de Mimo no noso ‘Laboratorio das Artes’.
Programa de obradoiros para público infantil e persoas usuarias de AFAGA
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
En colaboración con AFAGA. Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia
Destinatarios: persoas maiores afectadas de Alzheimer e público infantil de 7 a 12 anos
Lugar: salas de exposición e Espazo Anexo/Laboratorio das Artes
Datas: do 17 de xaneiro ao 30 de maio de 2023
Horario: martes de 17.30 a 19.00
Área de Didáctica do MARCO e AFAGA
A colaboración entre a área de Didáctica do MARCO e AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, iniciouse en decembro de 2021 e dende entón non fixo máis que crecer. Coa participación de persoas maiores afectadas de Alzheimer e público infantil entre 7 e 12 anos, esta proposta interxeracional ofreceu moi bos resultados, tanto pola acollida dos usuarios como polos seus obxectivos cualitativos, demostrando o valor da experiencia artística como recurso terapéutico, como ferramenta de sensibilización, como reflexión individual e grupal, e como vía de socialización.
O mesmo que toda a programación educativa do MARCO, estes talleres contan co apoio de Fundación “la Caixa”, coa participación de Caixabank. Dende 2021, a área de Didáctica do MARCO, baixo o lema ‘MARCO inclusivo’, reforzou e ampliou a súa oferta co obxectivo de identificar necesidades, crear recursos, facilitar espazos e instrumentos para a inclusión, e chegar a públicos diversos