Inicio Galicia A Amtega convoca máis de 500 prazas para as probas de obtención...

A Amtega convoca máis de 500 prazas para as probas de obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática

Están orientadas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa

Os exames presenciais celebraranse a finais de abril nas aulas CeMIT de 35 concellos de toda Galicia

O CODIX, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca máis de 500 prazas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX).Esta convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

O DOG de hoxe publica as datas das probas que se celebrarán os días 28, 29 e 30 de abril en diversas quendas de mañá e tarde a celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 35 concellos: Abegondo Ames, Betanzos, Boiro, Brión, A Coruña, Narón, Narón, Oroso, Ortigueira, As Pontes, Porto do Son, Ribeira, Santa Comba e Santiago Compostela na provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, A Fonsagrada, Ribadeo e Sarria na provincia de Lugo; O Barco, Castrelo de Miño, Celanova, Ourense, Verín e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense, e A Cañiza, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Pontevedra, Tomiño, Valga, e Vigo na provincia de Pontevedra

Esta convocatoria forma parte da previsión recollida no Plan de formación da rede CeMIT para este ano 2015 de realizar en cada semestre un curso de teleformación titorizado, que xa foi publicado en febreiro, e unha convocatoria de exames presenciais, como a publicada hoxe, para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou opten pola modalidade autoformativa.

Máis de 1.000 prazas no ano 2015
A vindeira semana de marzo comezará o curso de teleformación titorizado ao que están chamados os 180 cidadáns que obtiveron praza na primeira convocatoria do 2015, á que se presentaron máis de 1.300 solicitudes. O curso rematará a mediados do mes de xuño coas súas probas de avaliación.

A esta edición sumase a presente convocatoria de probas libres de avaliación, acadando neste primeiro semestre preto de 700 prazas para a obtención do CODIX.

Avaliación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma da rede CeMIT.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
307SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies