Inicio Galicia A Agadic coproducirá o espectáculo coreográfico ‘Son’ coa compañía Nova Galega de...

A Agadic coproducirá o espectáculo coreográfico ‘Son’ coa compañía Nova Galega de Danza

agadic-coproducira-o-espectaculo-coreografico-son-coa-compania-nova-galega-de-danza

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a compañía Nova Galega de Danza asinaron hoxe un contrato de contido artístico para a coprodución e distribución posterior de ‘Son’, un espectáculo que abordará a danza tradicional galega desde un punto de vista actual.

Segundo o documento rubricado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e polo director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, a compañía recibirá un total de 49.005 euros entre as anualidades de 2015 e 2016 coa finalidade de montar este espectáculo coreográfico, do que terán que levar a cabo un mínimo de seis representacións, incluída a estrea.

O contrato é o resultado dun procedemento de licitación posto en marcha pola Agadic, que continúa a apoiar a produción de danza en Galicia a través do Centro Coreográfico Galego (CCG), como xa fixera en 2015 co espectáculo ‘Atlántica’, coproducido xunto coa compañía coruñesa BalletNorte. Seguindo esta dinámica, o CCG contribuirá tamén coas súas instalacións e medios técnicos e humanos á materialización do novo proxecto de Nova Galega de Danza, unha das formacións de máis consolidada traxectoria do país.

Para ‘Son’, Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez únense, por primeira vez, para concibir un espectáculo moi especial e con patente orixinalidade. Os dous artistas exercerán tanto de coreógrafos como de bailadores para crear esta nova peza. Contarán, ademais, coa colaboración do director de escena Alberto Velasco e do coreógrafo contemporáneo Carmelo Segura, así como cun corpo de baile de nove integrantes en total. O espectáculo ofrecerá a interpretación musical en directo de composicións orixinais.

Os traballos de Nova Galega de Danza adoitan fusionar en vivo danza e música de raíz galega, mesturando tradición e vangarda con vocación universal. O seu primeiro espectáculo foi ‘Alento’ en 2005, finalista aos premios MAX; e viñeron despois outros éxitos como ‘Dez’, ‘Engado’ ou ‘Tradicción’. Entre as súas últimas actuacións internacionais está a que levaron a cabo para festexar o día dedicado a Galicia na Exposición Universal de Milán o pasado mes de setembro.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
289SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies