A aceleradora de empresas multisectorial ViaGalicia, promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, pechou hoxe oficialmente a súa 7ª edición coa presentación final dos catorce proxectos participantes e a entrega de diplomas.
O evento celebrado nas instalacións de ViaGalicia no Centro de Negocios de Porto do Molle contou coa participación do Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; e coa Directora Xeral do IGAPE, Covadonga Toca, que entregaron os diplomas acreditativos do seu paso pola aceleradora ás startups da 7ª edición.
Regades destacou na súa intervención o talento dos proxectos participantes nesta 7ª edición sinalando que sinalando que “ViaGalicia sodes vós, as startups” e puxo en valor o seu esforzo e os avances que experimentaron cada unha das iniciativas no seu paso pola aceleradora.
Ara de Rey, Cuotalis, Festigaleiros, ByRoomNumber, Neutron Insights, Vancubic, Soul Auto, GoTrucki, Breiko Breiko, Suite Acre, Minimelis, Beflamboyant, Vanetta e ODS Protein demostraron durante os 12 meses de periplo na aceleradora a viabilidade das súas innovadoras propostas, formáronse da man de mentores expertos e accederon a financiamento para impulsar os seus proxectos.
Na sétima edición de ViaGalicia aceleráronse propostas que apostan pola sustentabilidade, aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, con proxectos como ODS Protein, Vanetta e Minimelis, que están á vangarda do sector alimentario.
O sector téxtil tamén estivo representado con iniciativas innovadoras como BeFlamboyant e Ara de Rey. As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) continúan sendo un piar fundamental do programa, con aplicacións diversas en proxectos como ByRoomNumber, Festigaleiros, Cuotalis e Suite ACRE.
Ademais, o sector da automoción e a mobilidade cobrou forza con propostas como GoTrucki, Breiko Breiko e Soul Auto; e aceleráronse iniciativas cun marcado carácter industrial, como Vancubic e Neutron Insights.
As startups desta 7ª edición reflicten, unha vez máis, un compromiso claro coa innovación e a sustentabilidade, abarcando unha ampla gama de sectores e subliñando a importancia dos ODS no desenvolvemento empresarial e tecnolóxico actual.
Cabe destacar que o talento dos promotores dos proxectos desta edición quedou reflectido na obtención de diferentes recoñecementos. Como exemplo, Vanetta foi galardoada co Premio da Asociación de Novos Empresarios Galicia 2024 e ODS Protein recibiu o Premio 100 Novos Talentos do Basque Culinary Center (2022), Premio á Innovación de AJE Galicia (2023), Premio 10 Mellores Startups Tecnolóxicas Españolas by O Referente e é finalista no Premio Startup dos Premios Empresa do Ano do Banco Sabadell.
ViaGalicia
Desde 2014 completáronse 7 edicións de ViaGalicia, nas que se analizaron máis de 1.500 propostas presentadas e axudado a definir o seu modelo de negocio a máis de 200 proxectos empresariais. En total creáronse 93 novas empresas que, tras a súa participación en ViaGalicia, recibiron máis de 10 millóns de euros de financiamento directo no programa. Delas, un 63 % permanecen activas, superando os 45 millóns de facturación no último ano e pechando roldas de financiamento por valor de 60 millóns de euros. ViaGalicia contribuíu á creación de máis de 500 novos empregos.




