spot_img
InicioVal MiñorBaionaA 44CUP chega a Galicia en 2024. O prestixioso circuíto internacional de...

A 44CUP chega a Galicia en 2024. O prestixioso circuíto internacional de regatas recalará este ano en Galicia grazas ás xestións do MRCY de Baiona

a-44cup-chega-a-galicia-en-2024-o-prestixioso-circuito-internacional-de-regatas-recalara-este-ano-en-galicia-grazas-as-xestions-do-mrcy-de-baionaO Monte Real Club de Yates de Baiona volverá poñer un ano máis o foco da náutica mundial en Galicia grazas á celebración, o próximo mes de maio, da 44CUP. O prestixioso circuíto internacional de regatas chegará as Rías Baixas para celebrar un dos cinco eventos programados no seu décimo sétima edición.

Revista Cousas De Nº20

A chegada desta competición a Galicia supón un novo éxito nas xestións da recentemente reelixida xunta directiva do Monte Real, á fronte da que se manteñen, nos cargos de presidente e vicepresidente, José Luis Álvarez e Alechu Retolaza; e o cumprimento dun dos obxectivos marcados: o de devolverlle ao MRCYB o prestixio internacional co que contou outrora.

Tras lograr atraer a Baiona ás soadas 52 SUPER SERIES en 2022 e acoller o Mundial da clase J80 en 2023; este ano será o dos RC44, outro monotipo, nunha nova aposta polo “One design”, con todos os equipos navegando en barcos idénticos.

O veleiro, creado polo considerado mellor patrón da historia da Copa América, o neozelandes Russell Coutts, é un barco de alta competición que rolda o millón de euros. Un veleiro construído en fibra de carbono, moi lixeiro, de 13,45 metros (44 pés), unha ampla superficie vélica e os sistemas de navegación máis avanzados.

Á fronte destas máquinas de regatear están armadores cun gran potencial económico, que contratan ás súas tripulacións recrutando a medallistas olímpicos, tripulantes de Copa América e regatistas da Volta ao Mundo de Vela. Un completo elenco de profesionais de todo o mundo que garanten regatas espectaculares alá por onde van.

En 2024, ese show que supoñen os RC44 e a 44CUP recalará en Baiona con toda a repercusión que iso implica, coa presenza dalgúns dos mellores nomes da vela mundial e cifras que falan dun retorno económico que supera o millón de euros nos lugares de celebración.

Será a máis internacional e unha das máis importantes citas do calendario de regatas do Monte Real Club de Yates en 2024, no que se volve a reservar un lugar destacado ao seu históricos Trofeo Conde de Gondomar e Trofeo Príncipe de Asturias, que este ano cumpren 49 e 39 anos respectivamente, e que se celebrarán, como vén sendo tradición, coincidindo co festivo do 25 de xullo e a primeira fin de semana de setembro.

O Trofeo Repsol cambia este ano de mes e adiántase a abril (do 26 ao 28), para non coincidir coa 44CUP; e tamén en abril celebrarase o Trofeo CdC (20 de abril), que este ano coincide coa liga de Cíes – Rande, unha nova competición que organizan varios clubs das Rías Baixas, incluído o Monte Real, con dúas versións, unha invernal (20 abril) e unha outonal (14 setembro).

Xuño será o mes do Campionato Gallego de dous en dous (15 xuño), que o Monte Real organizará por décimo terceiro ano consecutivo; e en xullo, ademais de competición co Conde de Gondomar (do 25 ao 28), haberá tempo para o lecer coa cuarta edición da Roteiro Rías Baixas, unha peregrinación Xacobea por mar.

O Trofeo Príncipe de Asturias, en cuxo marco se volverán a entregar un ano máis os Premios Nacionais de Vela, celebrarase do 6 ao 8 de setembro; e os J80 volverán ter as súas dúas ligas propias, a de inverno (10 e 24 de febreiro, 9 e 23 de marzo e 6 de abril) e a de outono (5 e 19 de outubro, 9 e 23 de novembro e 14 de decembro).

ESCOLA DE VELA

A organización de regatas é, xunto co impulso do turismo náutico nacional e internacional, un dos principais obxectivos do Monte Real, que ten na formación náutica o seu terceiro eixo de acción. Tanto é así que a Escola de Vela volverá ter, en 2024, un papel destacado na programación do club, con cursos de vela lixeira e cruceiro, e actividades de vela adaptada que incluirán accións e actividades para persoas con diversidade funcional, mulleres vítimas de violencia machista, nenos tutelados ou persoas con problemas de conduta, entre outras.

Un amplo abanico de propostas que todo aquel que o desexe poderá descubrir a través da páxina web do club www.mrcyb.es, as súas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram, Youtube) ou acudindo, escribindo ou chamando ás súas oficinas (Recinto do Parador Nacional – Baiona / secretaria@mrcyb.com / 986 385 000).

- Publicidade -spot_img