O Rosal celebra unha nova edición das Xornadas de Patrimonio cunha charla o 22 de novembro sobre o retablo barroco da igrexa de Santa Mariña
O retablo barroco da igrexa de Santa Mariña está de aniversario: 300 anos, tres séculos de historia que o converten nun auténtico tesouro cultural do Rosal. Para conmemorar este fito, o Concello celebra unha nova edición das Xornadas de Patrimonio o vindeiro 22 de novembro cunha charla na que este histórico retablo será o protagonista.
A actividade, que será ás 20.00 horas na propia igrexa de Santa Mariña, contará coa participación de D. Julio Ramos, párroco do Rosal, quen achegará unha visión única grazas a unha intensa investigación no arquivo parroquial a través da que descubriu a data de construción do retablo e o nome dos artesáns que lle deron vida colocándolle o pan de ouro. Porén, o autor do retablo continúa a ser descoñecido.
O párroco estará acompañado ademais por Juan Manuel Monterroso, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, que contextualizará este retablo nunha análise máis ampla falando da ‘Forma, devoción e ilusión. Aproximación histórica ao retablo barroco galego’.





