spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorMaiden Castillo de la Rosa debate na Escola de Igualdade 'María Vinyals'...

Maiden Castillo de la Rosa debate na Escola de Igualdade ‘María Vinyals’ sobre a existencia dun estilo de liderado feminino

Durante toda a mañá de hoxe a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, situada no Castelo de Soutomaior,  acolleu a xornada “Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado!”.

A última das actividades organizadas ao abeiro desta iniciativa do Servizo de Igualdade da institución provincial foi un relatorio, elaborado pola experta en comunicación e liderado con perspectiva de xénero Maden Castillo de la Rosa e moderado pola presidenta da Asociación de Empresarias Galicia, Susana Pérez Iglesias, que respondeu ao título “Existe un estilo de liderado feminino? Muller e Poder”.

Castillo de la Rosa asegurou que, malia haber unha nova visión social de autoconsciencia das mulleres, “o mundo segue a ter unha clara perspectiva masculina”, e asegurou que un dos maiores impedimentos para as mulleres á hora de acceder ao poder é o denominado como “teito de cristal” que, precisamente por ser de cristal “é transparente e moi difícil de detectar”.

maiden-castillo-de-la-rosa-debate-na-escola-de-igualdade-maria-vinyals-sobre-a-existencia-dun-estilo-de-liderado-feminino
Na súa intervención a Presidenta, Carmela Silva, sinalou:  “a Igualdade é a causa máis xusta que coñezo”

O fenómeno consiste en que “a ambición profesional é esperada nos homes, pero opcional, e case sempre algo negativo, nas mulleres” e hai unha serie de factores que dificultan romper con esa barreira, como o sexismo na publicidade, os estereotipos e crenzas, a segregación horizontal… “E iso repercute negativamente mesmo nos salarios, xa que por todo iso se pensa que non seremos unhas boas xefas”. Ademais, a experta asegurou que “só un 8% das mulleres prefiren ter unha muller xefa e existe o prexuízo de que se se contrata a unha muller para dirixir algo o vai facer, pero non vai estar ao 100% porque vai ter moitas máis preocupacións na mente”.

Castillo de la Rosa resaltou o papel das políticas públicas en Igualdade, xa que “non traballar nelas non significa soamente o parón de mulleres que acceden a postos de poder, senón tamén que se dan consecuencias moi importantes para a sociedade: a inmensa perda de talento e de toma de decisións axeitadas para ela”. Por esta razón, deu os parabéns á Deputación “por ter posto en marcha esta Escola de Igualdade e por convertela nun foro de formación e inspiración para toda unha xeración, xa que se forma á xente en algo moi vantaxoso para a sociedade”.

Finalmente a relatora asegurou que “non son nada pesimista respecto ao papel que xoga a muller no liderado, porque estamos a vivir un cambio no paradigma no que o vello orde social se está a esborrallar. Debemos estar alerta coas políticas de Igualdade pero non cinguir o debate a un aspecto económico: non se pode dicir que a falta de mulleres nos postos de poder ten que ver coa crise económica”.

- Publicidade -spot_img