spot_img
InicioVal MiñorBaionaBaiona xa prepara a Festa da Arribada co Mercado Medieval máis grande...

Baiona xa prepara a Festa da Arribada co Mercado Medieval máis grande da súa historia

baiona-xa-prepara-a-festa-da-arribada-co-mercado-medieval-mais-grande-da-sua-historia

Máis de 200 postos de artesanía, anticuarios, asociacións e negocios, un 20% máis que en 2016, devolverán a Real Vila ao século XV

O Concello de Baiona deu este venres o pistoletazo de saída a XXII Festa da Arribada que dende o 3 ao 5 de marzo trasladará un ano máis a Real Vila ata finais do século XV, cando a carabela “La Pinta” amarraba no porto baionés e anunciaba o Descubrimento do Novo Mundo.

O alcalde, Ángel Rodal, presidiu os actos de presentación da nova edición da Festa de Interese Turístico Internacional na Casa-Museo da Navegación, e agradeceu os esforzos dos habitantes da Vila, así como das asociacións, colectivos, traballadores municipais e Corporación para organizar un evento que “invita a soñar” e “esperta a ilusión” de todos os baioneses.

A concelleira de Cultura e 1ª Tenente de Alcalde, María Iglesias, foi a encargada de conducir un acto que abriuse co vídeo oficial e pechouse cunha representación teatral no novo parque infantil temático instalado nos xardíns do museo.

“O Concello de Baiona e os seus veciños e moradores son os verdadeiros protagonistas da nosa festa máis internacional, xa que  transforman a Real Vila nun burgo medieval coa algarabía de mercadores e comerciantes, de artesáns, de trobadores e xograres, unha infinidade de actividades lúdicas e recreativas, que nos transportan ao medievo e nos farán sentir protagonistas dun dos capítulos históricos máis gloriosos de Baiona”, destacou María Iglesias.

Récord de postos

Na nova edición da Arribada, o Real Mercado bate todos os récords ata de agora, posto que serán desta vez un total de 206 postos os que terán cabida nas rúas do Casco Vello (88 de artesanía, 30 anticuarios, 37 asociacións e 51 negocios), o que supón un aumento do 20 por cento respecto ao ano anterior.

Unha das claves para o crecemento da festa, pese ás limitacións do espazo, está na súa ampliación extramuros. Así, o Mercado Medieval amplíase ao longo do ensanche baionés para ocupar a rúa Marqués de Quintanar e unir toda a liña que vai dende Carabela La Pinta ata a zona do Bo Xantar (arredores de Santa Liberata). Esta nova rúa estará adicada aos anticuarios e as súas pezas de antigüidade.

Vaso oficial e sentido único peonil

A gran novidade nesta edición será o deseño dun sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Casco Histórico. A medida, aprobada a proposta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), ten como obxectivo facer máis fluído o tránsito no casco vello  e facilitar a mobilidade.

Ademais, tamén este ano estréase o vaso oficial da Arribada. Trátase dun envase de cartón co logo da festa que permite eliminar definitivamente das rúas os vasos de cristal e barro que complicaban máis a recollida do lixo.

Antes da presentación do vídeo no auditorio do Museo da Navegación, o alcalde e os concelleiros asistiron a inauguración do novo parque temático infantil sobre A Arribada que xa está aberto nos xardíns da Casa Museo.

Durante a súa intervención ante o público, o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), Marcos Comesaña, destacou o traballo de todos os colectivos implicados na organización. “A festa require un esforzo durante todo o ano, posto que no momento en que acaba unha edición xa comezamos a preparar a seguinte”, sinalou.

Pola súa banda, Anxo Rodríguez Lemos, da Asociación Pro Hermanamentos Cristóbal García Sarmiento, destacou a exposición sobre o oficio da carpintería de Ribeira que estará aberta ao público na Casa do Concello.

Representación

Para finalizar, nos xardíns do museo e para inaugurar o novo parque infantil, o grupo de teatro Maxín, da Aula de Teatro Infantil de Baiona, representou a peza “A Festa da Arribada” e acto seguido degustáronse os doces típicos da celebración, “Os Ñoclos de Pinzón” e “As Tartas de Sarmiento”.

- Publicidade -spot_img