spot_img
InicioLatinoaméricaA Xunta leva a Uruguai a súa aposta por atraer o talento...

A Xunta leva a Uruguai a súa aposta por atraer o talento dos galegos facilitándolles a súa formación e inserción laboral en Galicia

a-xunta-leva-a-uruguai-a-sua-aposta-por-atraer-o-talento-dos-galegos-facilitandolles-a-sua-formacion-e-insercion-laboral-en-galiciaO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitaron aos preto de 30.000 galegos menores de 65 anos residentes en Uruguai a adherirse aos incentivos que a Xunta de Galicia vén de aprobar a través da Estratexia Retorna 2020 co obxectivo de facilitarlles o seu regreso a Galicia.

Dos 41.085 galegos que viven no país rioplatense, o quinto do exterior cun maior volume de poboación galega, case o 70% ten 64 anos ou menos, o que os convirte nos principais destinatarios das máis de medio cento de medidas que o Goberno galego está a poñer en marcha.

Unha das máis novidosas e a que está centrando gran parte dos esforzos do Executivo autonómico, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) contan entre os beneficiarios da súa primeira convocatoria, que están a ultimar os seus estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas, con seis galegos residentes en Uruguai. Na xornada informativa, á que asistiron o consejero de Empleo y Seguridad Social da Embaixada de España en Uruguai, Benito Díez Arce; o ministro consejero da Embaixada, Ignacio Aguirre de Cárcer; e o delegado da Xunta na Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, o conselleiro de Cultura detallou os requisitos para acceder a este programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 deste mes.

Axudas para a educación e o emprego

Durante o acto, o conselleiro de Educación lembrou que dentro do Plan de excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG), presentado o pasado ano, tamén se contempla a posta en marcha de axudas económicas para os estudantes de grao retornados.

Así mesmo, Román Rodríguez tamén avanzou a próxima creación de bolsas específicas para os que cursen un ciclo superior de Formación Profesional, que recibirán ata 5.000 euros. O obxectivo é facilitar ao máximo a incorporación dos mozos retornados ao sistema educativo galego, facendo especial fincapé na FP e nos estudos universitarios pola súa conexión directa co mercado laboral e a posibilidade de incorporación a postos de traballo de alta cualificación.

O secretario xeral da Emigración, pola súa banda, foi o encargado de presentar aos asistentes á charla, celebrada no Patronato Galego de Cultura, os programas deseñados polo Goberno galego no ámbito laboral e do emprendemento, outra das chaves para facilitar o retorno Galicia dos galegos do exterior.

“Non podemos conformarnos con recuperar ese talento académico que un día deixou Galicia, xa fose en forma dos propios mozos ou dos seus pais ou avós. A nosa obriga, e o noso desexo, é lograr que, unha vez de volta na súa terra, sexan quen de establecerse profesionalmente para que elixan quedar definitivamente e facer de Galicia novamente o seu fogar”, asegurou Miranda. De aí as arredor de vinte medidas que a Estratexia Retorna 2020 dedica exclusivamente ao eido da contratación de traballadores e da creación de autoemprego.

As Axudas ao Retornado Emprendedor, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata setembro, é unha delas. Pero a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de deseñar outras dezanove que, a través de incentivos específicos para os retornados que alcanzan o 25 % adicional, pretenden facer máis atractivo o mercado laboral para os galegos do exterior. Subvencións para a contratación indefinida de retornados por parte de empresas ordinarias, de pemes, de autoempregados, de cooperativas ou sociedades laborais, e de ámbito rural engrosan a oferta, que se complementa con axudas para a creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, de base tecnolóxica e unha firme aposta por apoiar a consolidación do emprego, prestando especial atención aos retornados.

Acceso á vivenda e apoio social

A Estratexia Retorna 2020 esténdese, non obstante, a todas as áreas do retorno: desde a información (coa creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, tanto física como virtual e teléfonica), ata o apoio social (cunha liña de axudas ás familias que regresen a Galicia con fillos menores de idade), pasando pola vivenda a través do acceso de incentivos para rehabilitación e alugueiro.

Dous convenios que superan os 50.000 euros

Miranda aproveitou a súa visita á capital uruguaia para asinar dous convenios de carácter asistencial coa Sociedad Española de Socorros Mutuos y Beneficencia La Española, dotado con 20.000 euros, e coa Casa de Galicia de Montevideo, que conta con outros 35.000 euros.

- Publicidade -spot_img