spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA sexta edición do programa Incuvi-Emprende ofrece unha nova oportunidade para o...

A sexta edición do programa Incuvi-Emprende ofrece unha nova oportunidade para o estudantado máis emprendedor

Na pasada edición presentáronse 29 proxectos, principalmente do eido da enxeñaría e xurídico-social. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 2 de febreiro de 2017

A sexta edición do programa Incuvi-Emprende ofrece unha nova oportunidade para o estudantado e persoas tituladas máis emprendedoras que queiran converter a súa idea de negocio nunha realidade. Ata o vindeiro 2 de febreiro poderán presentar as súas propostas empresariais relacionadas con calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo (artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, e enxeñaría e arquitectura). Poderanse presentar todos e todas as estudantes dos tres campus que estean matriculados en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou mestrado así como titulados e tituladas pola Universidade de Vigo no curso 2013/2014 ou posteriores. Os proxectos poderán ser elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas.

As propostas deberán ser orixinais e a súa autoría deberá corresponder á persoa ou persoas que os presentan. Entre todos os proxectos presentados seleccionaranse os 12 mellores, que terán como premio un espazos nas pre-incubadoras dos campus de Vigo (seis oficinas), Ourense (catro) e Pontevedra (dous). Ademais durante un ano participarán nun programa no que se desenvolverán actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía no espazo de traballo na preincubadora do campus correspondente.

A principal novidade desta sexta convocatoria está no eido administrativo, xa que os participantes, no canto de presentar un documento de resumo do proxecto en papel, deberán oficializar a súa candidata de xeito telemático cubrindo un cuestionario no que se lles pregunta sobre a idea de negocio; a orixe da idea; a ligazón da idea cos estudos universitarios ou cun grupo de investigación; o problema ou necesidade non satisfeita polo mercado que trata de resolver o proxecto; o perfil do cliente potencial; os principais competidores ou as alternativas que ofrece o mercado; a proposta para monetizar a idea; as principais barreiras legais e tecnolóxicas e as necesidades financeiras para a posta en marcha do proxecto.

Ademais, no mes de xaneiro publicarase a segunda convocatoria de Incuvi-Avanza, un programa de trata de consolidar como empresas dúas das iniciativas seleccionadas no Incuvi-Emprende da edición anterior.

29 proxectos presentados na pasada edición
Na pasada edición presentáronse un total de 29 proxectos, principalmente do eido da enxeñaría (12) e do xurídico social (10), ademais de cadanseu nas artes e humanidades e nas ciencias, así como cinco de carácter multidisciplinar. Deste xeito, durante o último ano, os espazos de incubación de Cidade Universitaria, AJE Pontevedra e a Tecnópole viron agromar as doce ideas seleccionadas que van dende o eido sanitario ata o medio ambiente ou o turismo. No campus de Vigo os proxectos incubados foron Mykeeper, un sistema de vixilancia para enfermos de Alzheimer e doutras patoloxías similares; Macromicologic, unha iniciativa empresarial de servizos relacionados coa micoloxía; Loop Tronic, centrada no internet das cousas; Beleader, unha solución web orientada ao turismo de baixo custe; Blue Lion, relacionada do mundo da moda e do lecer, e Awesome Soft, enfocada ao desenvolvemento e venda en liña de software de entretemento. En Ourense, púxose en marcha a cooperativa de iniciativa social Brigantia; unha empresa de compra-venta de produtos galegos; Barbook, unha aplicación social enfocada ao sector servizos e, finalmente, Enviroverde, dirixida á creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos. No campus pontevedrés seleccionáronse FreeBee, centrada en combater a vespa velutina e Lag, unha tenda taller de serigrafía.
 M. Del Río | Universidade de Vigo
- Publicidade -spot_img