Os tres concellos da comarca do Val Miñor abren o periodo de inscricións para as accións divulgativas previstas na contorna do proxecto comarcal Valemprego, unhas actividades divulgativas e gratuitas dirixidas prioritariamente ás persoas en situación de desemprego para achegarlles as ferramentas, conceptos e técnicas máis salientables á hora de levar a cabo unha busca activa de emprego.
Neste mes, a primeira sesión céntrase no proceso de selección, facilitando aos asistentes as chaves sobre cómo superar unha entrevista de traballo, un paso fundamental para acadar un emprego, no que se pretende comprobar a idoneidade do candidato para o posto ofertado. Por iso, a preparación previa é de vital importancia, así como coñecer a capacidades e cualidades de cada un, e tamén as súas debilidades.
- Nesta xornada, que terá lugar o día 18 de novembro no Centro Neural do Concello de Gondomar ás 10.30 horas, os asistentes aprenderán a xestionar todos os aspectos que interveñen neste proceso da man de Paloma Domínguez Ferro, psicóloga especializada en selección de persoal, de modo que poidan afrontar as entrevistas para acadar o éxito.
- A busca de emprego fóra das nosas fronteiras a través da rede EURES é outro tema que abordará Valemprego en novembro, máis concretamente o día 20 no Centro Municipal Ángel Bedriñana, en Baiona, a partir das 10.30 horas. A rede Eures ten como propósito proporcionar servizos de información e asesoramento na busca de emprego aos traballadores que crucen fronteiras para traballar nalgún país da CE. Nesta sesión exporanse os servizos á disposición dos candidatos nesta rede de mobilidade laboral.
- A terceira e última sesión do mes de novembro titúlase “A formación para o emprego”, e celebrarase no Centro Antena Municipal do Concello de Nigrán o 25 de novembro ás 17.00 horas, a cargo da orientadora laboral do concello, María Luisa Cordido Varela.
A importancia da formación para acadar, manter ou promocionar no emprego non supón ningunha dúbida na realidade laboral actual. A actualización das competencias é imprescindible nunha economía baseada no coñecemento, polo que a convirte nun instrumento esencial para a estabilidade laboral. Os aspectos relacionados coa formación para o emprego: formación dual, AFD, programas mixtos, etc. serán os contidos clave desta sesión.
As persoas interesadas en participar, deben presentar a súa solicitude cubrindo a ficha que está xa a súa disposición nas páxinas web e nos Departamentos de Emprego dos tres concellos, e entregalas nestes servizos ou remitilas á dirección de correo electrónico (valemprego@gmail.com), dirección válida tamén para realizar calquera consulta ao respecto deste programa.



