Inicio Val Miñor Tertulia do IEM con Xurxo Souto

Tertulia do IEM con Xurxo Souto

Músico, escritor, locutor, produtor e unha multitude de oficios vencellados á comunicación enxoian a traxectoria de Xurxo Manuel Souto Eiroa (A Coruña,Galicia, 1966), protagonista da vindeira TERTULIA do IEM. O arqueólogo Xosé Lois Vilar será o encargado de presentar ao convidado quen nos visitará este venres 12 de decembro ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira Nº10, baixo, Gondomar).

Tamén como é tradicional, despois do acto aberto ao público en xeral haberá unha cea coa persoa convidada que terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe Gondomar á que se poderá asistir facendo a correspondente reserva de praza no teléfono 986 360 575 ou ben no correo electrónico oficina@ minhor.org  . Pregamos facelo antes do vindeiro xoves pola noite.

Na música e nos medios

Licenciado en Filoloxía Clásica, acadou sona como líder e vocalista da banda bravú “Os Diplomáticos de Monte-Alto” entre 1990 e 2001, e polo seu labor de difusión da música galega de agora e sempre en diversos espazos radiais e como subdirector de programación da Radio Galega (2005-2009). Outra das súas facetas a destacar é a de escritor. Ademais de ter cinco libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.

Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, xunto a Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega.  En outubro de 2003 participou, xunto con Manuel Rivas, na reinauguración da emisora comunitaria Cuac FM (A Coruña), da que ambos se converteron en padriños e socios de honra. Recentemente formou o grupo musical “Os 3 Trebóns”, onde se encarga da voz e mais do acordeón. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira.

Narrativa

En 1995 comezou a publicar na Editorial Xerais as súas series de relatos A tralla e a arroutada (1995), Fumareu ( 1997) Contos da Coruña (recompilación de artigos, 2001) Tres trebóns (2005) e o recente Contos do mar de Irlanda (2014). Na mesma casa editorial publicou en 1999 a novela  O retorno dos homes mariños.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies