Un dos acontecementos máis significativos do verán, polo que significa dende un punto de vista deportivo e cultural para Baiona e para toda a súa contorna, é a Regata de Gamelas, unha competición na que se pon a proba a resistencia de quen se atreven a empuñar os alargados remos destas embarcacións orixinais de Baiona e a Ría de Vigo.
A gamela é unha embarcación costeira pequena, que se usa na pesca de baixura ou como embarcación auxiliar doutra maior. Ten a proa e a popa chatas, e o fondo plano. As dimensións varían dende 1,5m de eslora e 0,8m de manga das auxiliares máis pequenas ata os 5,0m de eslora e 2,0m de manga que ten a gamela da Guarda.
Este tipo de embarcación xeralmente manéxase a remo, aínda que existen variantes a vela, coma a gamela curuxeira que evolucionan cunha vela de religa
Actualmente a zona da popa vese modificada para poder incorporar un pequeno motor fora borda.
A feitura das gamelas obedece á necesidade dunha embarcación costeira, auxiliar das mais grandes, que permita mover mercancía e persoas en zonas de moi pouco calado, como baixíos e praias. O fondo plano permite sacar da auga a embarcación nas praias con moi pouco esforzo, para deixala fóra do alcance das mareas.
Información para quen queira incribirse na Regata deste ano:
O concello de Baiona a través da súa Concellaría de Deportes e Actividades marítimas informa da apertura do prazo de inscricións para todas aquelas parellas tanto masculinas como femininas que queiran participar na regata de gamelas “Gran Premio Euro Red Vigo 2015″.
Os premios en metálico, máis de 1.200 euros, os trofeos, sorteos de fins de semana no Parador e os agasallos conmemorativos para todos os participantes deben ser alicientes suficientes para esperar unha nutrida participación para este ano.
As datas prevista para este ano, son o día 31 de Xullo para as probas clasificatorías a partir das 18.00 horas e o día 1 de Agosto para as finais, tendo como hora de inicio as 12.00 h no porto pesqueiro de Baiona para os moitos interesados en facer seguimento dunha regata con tanto interese deportivo, tradicional e turístico como é a nosa Regata de Gamelas.
Este ano, preséntase como novidade o aliciente de acurtar o campo de Regatas para que a mesma inclúa máis viraxes e a proximidade ao porto pesqueiro do desenvolvemento da regata posibilite un achegamento entre os moitos seguidores e os remeiros de face a garantir un espectáculo que ano tras ano aumenta.
A organización, ademais, quere informar que o día fixado para o sorteo de rúas e gamelas será o próximo día 30 de Xullo a partir das 21.00 h no Pavillón Municipal, pechando ese mesmo día o prazo de inscrición (ás 12.00 h do día 30 de xullo) polo que queremos animar a todos os interesados cursen a súa inscrición con tempo e forma.
Para maior información dirixirse ao Pavillón de deportes Municipal ou ao teléfono 986 35658 ou na pagina Web www. baiona.org, tamén se dispón de e.mail: deportes@baiona.org




