spot_img
InicioVal MiñorNigránQuince futuros empresarios celebran a experiencia de participar no Innovation Startup Vigo...

Quince futuros empresarios celebran a experiencia de participar no Innovation Startup Vigo Camp

Presentación-Oficial-Concurso-Europeo-Navegación-Satélite-Porto-Molle-NigránO programa pecha a súa primeira edición con tres innovadoras ideas de negocio

Sete semanas despois dunha intensa convivencia e exhaustiva formación, o Innovation Startup Vigo Camp pechou hoxe xoves o programa de activación da creatividade aplicada á actividade empresarial en quince novos recentemente titulados universitarios.

No acto de clausura, os mozos recibiron os seus diplomas da man da Delegada, Teresa Pedrosa, o presidente da Cámara, José García Costas e Javier Collado, director xeral de Incyde xa que o proxecto, que xa se está difundindo a outras cidades, é froito da colaboración entre este tres institucións.

De corenta ideas iniciais, os participantes foron abandonando unhas e perfilando outras ata que finalmente tres foron as ideas de negocio que se presentaron hoxe e sobre as que o comité organizador deliberará sobre cal delas obterá o premio dun ano de permanencia gratuíto no viveiro de empresas de Porto do Molle. Unha árbore con paneis solares que serve para cargar móbiles e que se pode instalar en parques e xardíns públicos para o que se deseñou até a estrutura con bancos ao redor e do que o modelo de negocio consistiría en que, durante o tempo de carga, aparecería na móbil publicidade de compañías de telefonía é a primeira delas. Unha app para pulseiras que co nome de “Humanometrics” serve para rexistrar as sensacións que un usuario poida ter ao longo do día. Estes datos, cruzados coas diferentes actividades realizadas durante ese tempo, proporcionarían información sobre que tarefas fanlle a un sentirse mellor. “Neuropsycology” é o terceiro proxecto dirixido a axudar a persoas que sufriron un accidente cerebral. Esta app para exercicios de rehabilitación e que se soporta sobre unhas luvas e unhas lentes, xera unha realidade virtual que reproduce as tarefas que se teñen que desenvolver na vida diaria. Os integrantes do equipo que deseñou este proxecto xa teñen unha cita para presentar o seu traballo a próxima semana nun instituto de neuropsicología de Barcelona.

O quince participantes deste campamento, onde se creou un ambiente propicio para xerar ideas, seleccionáronse entre un gran número de candidatos de diversas titulacións e distintos puntos de España. Aloxados nun pequeno hostal de Nigrán e con sesións de traballo desenvolvidas no espazo de coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle, estes mozos puideron participar en xornadas que tiñan como obxectivo activar as súas habilidades empresariais e potenciar as súas capacidades creativas. Sobre un obxectivo de chegar deseñar tres startups de alto contido innovador, os participantes realmente aprenderon a como con equipos multidisciplinares pódese analizar a contorna, detectar as súas necesidades, converter esas necesidades en oportunidades de negocio e sobre esas bases e moito traballo, chegar a constituír empresas. Cun orzamento de 60.000 euros, o programa aproveitou o financiamento achegado polo propio Consorcio e polo Fondo Social Europeo a través da Fundación Incyde.

No campamento, os futuros empresarios contaron coa axuda dun equipo de mentores formado por expertos en diferentes áreas da empresa. Ademais dos seminarios de formación, os participantes tamén asistiron a eventos de networking con emprendedores e profesionais innovadores, e visitaron as instalacións de PSA Citroën Vigo, a fábrica de Inditex, o centro tecnolóxico AIMEN, a Escola de Negocios Afundación e a Fundación Juana de Veiga en Oleiros, ademais de participar na quinta edición do Lacon Network, coñecer o Crowdworking Gaias, ou coñecer o programa da aceleradora de empresas e emprendedores ViaVigo.

Como dinamización da súa actividade, os propios participantes abriron un blog no que foron explicando en primeira persoa o seu traballo e impresións desta experiencia vital na que aprenderon que emprender é un traballo de equipo. Este labor de comunicación e difusión completouse cunha páxina en Facebook e unha canle audiovisual en Youtube con vídeos, de realización propia, nos que foron expondo os seus proxectos.

- Publicidade -spot_img