Coa inauguración dunha exposición no paseo da Calzada, a carón da escultura erixida en homenaxe ao escultor, a Real Academia Galega de Belas Artes abriu o primeiro dos actos programados para esta edición que está dedicada ao escultor cambadés, Francisco Asorey
Os vieiros de Asorey reflicte a través de fotografías e textos a obra do artista que está en diversas cidades galegas, establecendo así un «Roteiro Asorey» que permite coñecer a obra do escultor cun formato adaptado a todos os públicos.
A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou o 1 de xullo Sesión Ordinaria no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na que decidiu, tras votación regulamentaria, homenaxear ao longo do 2024 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, ao escultor cambadés Francisco Asorey.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2023 a figura homenaxeada foi o xograr Martín Codax.
Con tal motivo, o luns 4 de marzo tivo lugar o primeiro dos actos programados para esta edición que consistiu na inauguración da exposición “Os vieiros de Asorey”, mostra na rúa comisariada polo académico Xurxo Lobato con textos do tamén académico Felipe-Senén López Gómez e organizada pola Academia coa colaboración do Concello de Cambados que poderá visitarse no Paseo da Calzada (fronte ao Parador Nacional do Albariño) en Cambados ate o 4 de maio.