Inicio Latinoamérica Cuba O Camiño de Santiago preséntase en Cuba no Seminario Internacional sobre Turismo...

O Camiño de Santiago preséntase en Cuba no Seminario Internacional sobre Turismo e Cultura da OMT

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Cuba as liñas de traballo do Goberno galego para a promoción e comercialización do Camiño de Santiago como o produto cultural e turístico máis importante de Galicia e o principal recurso captador de turismo internacional na nosa Comunidade.

A presentación tivo lugar nun encontro sobre promoción e comercialización de destinos turísticos con oferta cultural enmarcado no Seminario Internacional sobre Turismo e Cultura organizado pola Organización Mundial de Turismo (OMT) que se desenvolve en A Habana dende onte ata o próximo día 6 deste mes.

Durante a súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta destacou que o Camiño identifica e sitúa a marca Galicia no mundo e constitúe o motor de desenvolvemento cultural, turístico e socioeconómico máis importante para os máis de 100 municipios galegos que atravesa.

A directora explicou as diversas liñas de traballo que a Xunta de Galicia ten en marcha para a posta en valor da ampla oferta cultural en torno ao Camiño de Santiago.

Promoción da Ruta Xacobea
No eido da promoción, subliñou que, no ano 2015 o Camiño de Santiago estivo presente nun total de 22 feiras internacionais en 15 países diferentes e foi obxecto de proxectos expositivos itinerantes por todo o mundo –incluíndo destinos tan diferentes como Colombia, Paraguai, Palestina ou Bangladesh- dirixidos a turoperadores e ao público xeral.

Así mesmo, destacou a aposta de Turismo de Galicia pola celebración de fam trips e press trips xa que supoñen un gran valor publicitario que redunda na mellor comercialización do destino e na maior calidade da información sobre o mesmo. No marco destas accións, en 2015 visitaron Galicia para coñecer o Camiño periodistas e turoperadores de Canadá, Alemaña, Filipinas e China, entre outras nacionalidades.

En canto ao desenvolvemento das novas tecnoloxías ao servizo do Camiño, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia ao proxecto Smart Camiño, grazas ao cal a Ruta Xacobea dispón dunha páxina web específica, www.caminodesantiago.gal, con información de interese para o peregrino. Este programa tamén dispón dunha aplicación móbil de realidade aumentada na que se poden consultar todos os servizos dispoñibles ao longo do Camiño.

A directora tamén enxalzou a labor que realizan, para a promoción da Ruta Xacobea, as máis de 200 Asociacións de Amigos do Camiño, que reúnen a uns 80.000 asociados repartidos por todo o mundo. Así mesmo, destacou a importancia do boca a boca entre os peregrinos, que prescriben esta experiencia, e enumerou as películas e libros xurdidos en torno ao Camiño e que se converteron, nalgún caso, en éxito de vendas.

Comercialización do Camiño
No que se refire a comercialización, a directora de Turismo de Galicia explicou que o Camiño conta cunha ampla oferta complementaria. Por iso, á hora de comercializar este produto existen numerosas empresas e axencias especializadas na organización desta viaxe, que facilitan a contratación de servizos como aloxamento, restauración, transporte de mochilas e produtos turísticos adicionais.

Nava Castro tamén enxalzou a existencia da Rede Pública de Albergues, que pon á disposición do peregrino 68 establecementos na Comunidade galega, o que supón máis de 3.000 prazas con instalacións ben equipadas, incluso con rede wifi nun 84% dos casos.

Doutra banda, a responsable de Turismo da Xunta destacou a existencia de numerosos programas que combinan o Camiño con outros recursos turísticos explicando o gran atractivo de algúns deles como o Bono Iacobus, Galicia a todo tren ou Un descanso no Camiño.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

38FansGóstame
271SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies