spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán inicia as obras de saneamiento nas rúas Salgueiral e Regueiro, na...

Nigrán inicia as obras de saneamiento nas rúas Salgueiral e Regueiro, na parroquia de Camos

nigran-inicia-as-obras-de-saneamiento-nas-ruas-salgueiral-e-regueiro-na-parroquia-de-camosRealizadas pola empresa nigranense Espacio Cúbico, estarán concluídas e xa en funcionamento no mes de febreiro

O Concello de Nigrán iniciou as obras de saneamento na rúa Salgueiral e no Camiño do Regueiro, situados na parroquia de Camos. Esta actuación realizarase ao longo deste mes, de xeito que a finais de febreiro ambas vías estean xa en funcionamento.

Dentro do mesmo proxecto, realizado dende a enxeñería municipal, inclúese o abastecemento de auga para o Camiño do Monte, en Navás (Priegue), rematado no mes de decembro de 2015. Para a súa execución, o goberno municipal contratou a unha empresa da parroquia de Parada, Espacio Cúbico, dando prioridade á súa aposta por dar traballo a negocios do municipio.

O Concello de Nigrán investiu nestas obras 86.000 euros (sen IVE), cumprindo así coa súa parte do convenio asinado con Augas de Galiza en 2013 e que foi anulado unilateralmente o 27 de xullo por parte da Xunta de Galicia, organismo que se comprometera a levar o saneamento a Parada e Camos.

“A súa realización supón un novo paso cara a consecución do obxectivo final deste goberno de levar o saneamento e abastecemento de auga a todas e cada unha das casas de Nigrán”, sinala Juan González, alcalde do municipio.

Precisamente, en Camos instalouse hai menos dun mes unha rede xeral soterrada ao longo de 3.110 metros da PO-332, dende o torreiro de As Angustias ao Centro Cultural A Camoesa. Esta nova canalización, xa concluída, permitirá que partan de aí as redes secundarias das poboacións da zona, tanto para esta parroquia como para Parada e outros núcleos de Nigrán. Isto permitirá unha mellora da conexión ao polígono industrial Porto do Molle, grazas á instalación de arquetas e cruces para as redes secundarias.

“Esta obra non supón a chegada do abastecemento de auga de forma definitiva a Camos, pero si é o primeiro paso para que se efectúe nun futuro, xa que desta conexión xeral partirán as secundarias aos diferentes barrios”, asegura o rexedor de Nigrán.

Por outra banda, González confía en que a Xunta de Galicia rectifique a súa decisión de anular o convenio de abastecemento e o reactive de xeito inmediato. O alcalde do municipio xa informou no Pleno ordinario do mes de xaneiro que antes de interpor un recurso contencioso contra a Xunta de Galicia, para o que foi apoiado pola unanimidade do pleno, farase un último intento de facer chegar de novo a Augas de Galicia e á propia Xunta de Galicia a petición expresa de que cumpran a súa parte no convenio. “A boa relación entre administracións é clave para o desenvolvemento do municipio, polo que intentaremos que sempre imperen o diálogo e a cooperación entre Xunta de Galicia e Concello de Nigrán”, aclarou González.

O citado acordo, asinado en 2013 e polo que se levaba a cabo as obras de saneamento e abastecemento ás parroquias do municipio de Nigrán, contaba cunha dotación de 800.000 euros por parte da Xunta de Galicia e de 20.000 euros por parte do Concello de Nigrán.

No caso concreto de Parada, tiña un orzamento de 553.216,85 euros e era considerada prioritaria polo actual goberno, de aí que a cuestión fose levada ao seu primeiro pleno o día 30 de xullo, onde se aprobou con todos os grupos a favor. O tema figuraba na orde do día pese a que o 27 de xullo o organismo Augas de Galicia comunicou por escrito ao Concello a súa revogación do mesmo “por incumprimento”, feito rexeitado contundentemente polo goberno e todos os demais partidos. No mesmo pleno, a corporación por unanimidade acordou aprobar o punto tal e como estaba previsto (e como pedía Augas de Galiza para seguir adiante)  e ao mesmo tempo, e tamén por unanimidade, se decidiu engadir unha emenda que faculta ao alcalde a interpoñer un recurso contencioso- administrativo se a Xunta non rectifica na súa decisión.

- Publicidade -spot_img