spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán celebrará os días 21 e 22 a súa primeira 'Festa do...

Nigrán celebrará os días 21 e 22 a súa primeira ‘Festa do Outono’ con regueifas e actividades micolóxicas

Auditorio Nigrán

O Concello de Nigrán celebra a fin de semana próxima (21 e 22 de novembro) a súa primeira ‘Festa do Outono’. Esta arrancará o sábado cunha charla micolóxica no Auditorio Municipal (18.30 horas) e a continuación, ás 20.30 horas e no mesmo lugar, unha disputa de regueifas. Xa o domingo, previa inscrición e pago de 11 euros, farase unha saída aos montes de Camos pola mañá para recoller cogomelos e despois haberá unha degustación.

Festa outonoO goberno local quere levar as actividades culturais a todo o ano e, con este propósito, organiza a ‘I Xornadas Micolóxica Concello de Nigrán’ que se enmarcan na ‘Festa do Outono’. O obxectivo é ofrecer á veciñanza unha actividade cultural propia desta estación e que ten numerosas afeccionados na comarca, ao tempo que se conciencia sobre a importancia de facer unha recollida de cogomelos responsable co medio ambiente e que garanta á máxima seguridade a hora de consumilos. Estas xornadas arrancan o sábado 21 cunha charla aberta a todo o público no Auditorio Municipal (18,30 horas) a cargo de Jaime Blanco Dios, enxeñeiro agrónomo pontevedrés e presidente da Agrupación Micolóxica Brincabois. Jaime, recoñecido co premio Cidade de Pontevedra 2014, é un experto micólogo internacional descubridor de novas especies de cogomelos como o Clitocybe auniosiana que topou na illa de Ons.

Despois da charla, ás 20.30 horas tamén no Auditorio Municipal, terá lugar unha disputa entre os máis recoñecidos regueifeiros de Galicia e Portugal. A Regueifa é un desafío oral improvisado en verso de orixe ancestral. As súas claves son a rapidez e a espontaneidade, xa que carece de interludios musicais e de pausas, pero sobre todo nútrese de enxeño, porque é o que fai que o público se entusiasme coa capacidade de saír airosos dos envites máis agudos en décimas de segundo e de forma totalmente improvisada, como se fosen prestidixitadores da lingua. Neste evento participan os máis afamados  regueifeiros de Galicia: Benito Lobariñas e Luís ‘O Caruncho’. Ambos son gaiteiros e forman a parella máis requerida para estas disputas, xa que enriba do escenario non soen achicarse ante ninguén e sempre buscan unha saída airosa das coplas do contrincante aínda que en ocasións teñan que estirar a métrica para forzar a rima. A ámbolos dous súmanse os regueifeiros portugueses tamén máis reputados do seu país: Valter Sao Martinho e Claudia Martins. Un espectáculo único e aberto a todo o público de Nigrán ata completar aforo.

Recollida de cogomelos e comida-degustación

Finalmente, a Festa do Outono conclúe o domingo cunha recollida matinal de cogomelos polos montes de Camos que partirá ás 10.30 horas dende o local da Comisión de Festas de Camos (xogo de bolos) ou ben ás 10.00 con vehículo propio no Concello para os que descoñezan como chegar. A recolección será guiada por Jaime Blanco Dios e finalizará no mesmo punto de partida (local da Comisión de Festas de Camos), onde o experto micogastrónomo José Luis Tomé Ortega, secretario da Federación Galega Micolóxica, preparará un menú degustación a base de cogomelos para tódolos participantes. No local, coas especies da recollida, farase unha exposición aberta durante todo o día. Para estas dúas actividades (recollida e comida) é preciso inscribirse previamente e ter abonados 11 euros. O prazo para apuntarse ábrese o luns 16 nas dependencias da Concellería de Turismo (Terceira planta do edificio vello do Concello) e conclúe o venres 20 (horario de 10.00 a 14.00 horas) ou ata completar as 50 prazas establecidas, que se cubrirán por rigoroso orde de inscrición (incluíndo o abono de 11 euros).

 

- Publicidade -spot_img