Baiona acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro o I Vertiatlón Solidario, un evento organizado polo Monte Real Club de Yates e o concello de Baiona co patrocinio de Verti Seguros e a colaboración da Federación Galega de Tríatlon.
Os deportistas disputaranse a partir do cinco da tarde un tríatlon sprint no que deberán completar 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros correndo por varias praias e rúas da vila de Baiona
A competición deportiva, co deseño dun tríatlon sprint, comezará ao cinco da tarde e incluirá tres probas de natación, ciclismo e carreira a pé na baía de Baiona e en varias rúas da localidade. Os participantes das diferentes categorías, (cadete, junior, absoluto e veterano), tanto femininas como masculinas, deberán completar 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros correndo.
Impulsada polo Monte Real Club de Yates e o concello de Baiona co patrocinio de Verti Seguros, a competición ten como obxectivo recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada para persoas discapacitadas do Monte Real
Os primeiros clasificados absolutos masculino e feminino recibirán, como premio, un seguro anual para automóbil por cortesía de Verti Seguros; e entre todos os participantes sortearanse, ademais, outro oito seguros valorados, cada un, en 300 euros.
A Federación Galega de Tríatlon ocuparase da organización dun evento no que van participar máis de 200 persoas nas distintas categorías femininas e masculinas (cadete, junior, absoluto e veterano)
O diñeiro recadado coas máis de 200 inscricións dos participantes destinarase integramente á Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates, que presta servizo a asociacións de persoas discapacitadas de Galicia.
Tras uns primeiros anos traballando con agrupacións do Val Miñor, Tomiño e A Guarda, na actualidade a escola busca financiamento co obxectivo de poder expandirse para ofrecer estes cursos de navegación adaptada a centros de toda Galicia.
Deportes que se axudan entre si nun marco incomparable
Un percorrido espectacular nun marco incomparable. Así definiu o trazado do I Vertiatlón Solidario o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar José Surís na presentación aos medios celebrada esta mañá nas instalacións do Monte Real Club de Yates, quen este sábado estará a participar como uno máis na competición.
Para o responsable da FEGATRI existen poucos tríatlons en España que poidan presumir dun escenario como o de Baiona, unha idea na que tamén insistiu, a paratriatleta viguesa e madriña do Vertiatlón Susana Rodríguez. Cunha deficiencia visual grave derivada da súa condición de albina, Susana é campioa galega e española de dúatlon paralímpico, e o ano pasado recibiu o título de Mellor Deportista Galega con discapacidade. Este sábado nadará e correrá xunto aos máis de 200 deportistas que van participar no Vertiatlón.
Pola súa banda o vicepresidente do club baionés, Alejandro Retolaza, destacou o patrocinio de Verti Seguros, sen o cal -dixo- este evento non podería chegar a celebrarse. Agradeceu tamén o apoio de numerosas empresas e firmas que van colaborar de forma desinteresada no evento e de todos os voluntarios que axudarán o sábado coa organización.
O vicepresidente do Monte Real mostrouse moi satisfeito polo impulso que o Vertiatlón suporá para a Escola de Vela Adaptada do Club, que aspira -dixo- a seguir crecendo para lograr que moitas máis persoas poidan practicar vea en igualdade de condicións.
Un percorrido pola vila de Baiona
O I Vertiatlón Solidario de Baiona iniciarase coa proba de natación, na que os participantes deberán cubrir a nado a distancia que separa as praias de Barbeira e A Ribeira. Ambos os areais atópanse no núcleo urbano da vila de Baiona, aos pés da muralla que rodea a península de Monte Boi, separadas polas instalacións do Monte Real Club de Yates.
Ao finalizar o percorrido a nado, os participantes collerán as súas bicicletas nas pistas de baloncesto da zona da Palma e prepararanse para a segunda das probas, a ciclista, que incluirá catro voltas entre dous das rotondas que dan acceso a Baiona, a do Baredo e a de Santa Marta.
A última das probas do tríatlon sprint será a de carreira a pé, e disputarase nun dos lugares máis visitados de Baiona, o Parador Nacional. Os deportistas deberán completar dúas voltas ao recinto amurallado da península do Monterreal, tamén coñecida como península de Monte Boi.
Operativo especial en Baiona
Para garantir a correcta celebración do I Vertiatlón Solidario de Baiona, o vindeiro sábado día 12, o concello realizará unha serie de cortes de tráfico nalgúns puntos da localidade. Implicarán, segundo o alcalde Jesús Vázquez Almuiña, un pequeno esforzo por parte da cidadanía, pero serán -dixo- por unha boa causa.
A N-550, desde a rotonda da gasolineira até a rotonda de Baredo, permanecerá totalmente cortada desde as 17:00 até as 18:30. Haberá itinerarios alternativos debidamente sinalizados para todos aqueles coches que desexen cruzar a vila.
Algo máis tarde, entre as 18:30 e as 19:30, o punto máis conflitivo para a circulación situarase a entrada ao Parador de Baiona. Non chegará a cortarse o tráfico, pero estará controlado por membros da Policía Local.
Durante todos estes cortes, a parada de taxis de Baiona se transladará a rúa Brasil, en fronte ao centro de saúde, un lugar ao que tamén se transladarán as paradas do transporte público situadas na N-550.







