spot_img
InicioCondado ParadantaMáis de 150 persoas gozaron da ruta turística pola senda botánica do...

Máis de 150 persoas gozaron da ruta turística pola senda botánica do Castelo de Sobroso

mais-150-persoas-gozaron-da-ruta-turistica-pola-senda-botanica-do-castelo-sobrosoA ruta turística pola senda botánica do Castelo de Sobroso, que organizou a Deputación de Pontevedra este sábado 7 de outubro, resultou todo un éxito con máis de 150 participantes que esgotaron as prazas limitadas e gratuitas ofertadas pola institución provincial.

As e os participantes estiveron acompañados durante toda a xornada pola figura de Dona Urraca, representada por unha das actrices do grupo de teatro que asistiu á ruta, na que tamén participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o deputado de Turismo Santos Héctor.

A ruta comezou cunha breve explicación da actividade por parte do coordinador dos guías para posteriormente comezar a xornada cunha representación teatral na entrada principal do castelo. Nesta actuación as e os participantes estiveron acompañados por Dona Urraca, que recreou a súa historia no Castelo de Sobroso, onde foi encerrada e logrou fuxir a Compostela. Tras a orixinal benvida comezou a andaina pola senda botánica, na que puidéronse ver as sobreiras, a árbore que da nome ao Castelo. Amais, os dous guías presentes na actividade foron explicando todos os detalles das árbores e especies senlleiras da ruta, aproveitando os novos paneis tecnolóxicos a través de códigos QR, e as audioguías con contidos en inglés, castelán e galego.

mais-150-persoas-gozaron-da-ruta-turistica-pola-senda-botanica-do-castelo-sobrosoA presidenta da Deputación mostrou a súa satisfacción ante “a excelente acollida que tivo esta ruta turística que é unha maneira completamente diferente de coñecer a historia do Castelo”. Silva invitou a toda a cidadanía da provincia a achegarse a Sobroso e percorrer a senda botánica “que descubre moitos segredos da natureza e que forma parte do máis noso con especies autóctonas únicas. Ademais, agora, as novas tecnoloxías que introduxemos, nos dan todos os detalles do mellor do bosque atlántico”

Estas novidades encaixan dentro do plan de mellora da senda botánica do Castelo de Sobroso para o cal a Deputación de Pontevedra investiu 120.000 €. En canto aos paneis informativos permiten obter información detallada sobre o mundo baixo os seus pés, os liques, o carballo, o alcanfor, as froiteiras, a sobreira e o acivro, protagonistas da senda.

Esta andaina encádrase dentro do plan de posta en valor deste espazo fortificado de importante interese histórico e turístico. Xunto ao exterior do Castelo de Sobroso, a institución provincial tamén vai levar a cabo unha serie de obras, por valor de preto de 400.000 euros, para conservar e manter o recinto histórico.

Con estas reformas, o obxectivo da Deputación de Pontevedra é que no 2018, Ano  Internacional do Patrimonio, tanto o recinto histórico como o Bosque Atlántico sexan focos de atracción turística e que as persoas visitantes poidan gozar do alto valor histórico e natural do castelo. De feito pódese dicir que os pasos dados ata o momento van na dirección correcta, xa que amais do éxito desta andaina, tamén foron preto dun milleiro de persoas as que visitaron o Castelo de Sobroso durante o mes de agosto.

- Publicidade -spot_img