spot_img
InicioO SalnésEsixen que non se abandone o mar e a súa xente

Esixen que non se abandone o mar e a súa xente

esixen-que-non-se-abandone-o-mar-e-a-sua-xente
Praia de Canelas, Portonovo

 

Ecoloxistas en Acción mantén o seu voluntariado de limpeza de praias para retirar o máximo de pélets e outros residuos para reducir o dano ao medio mariño. A organización ecoloxista despregou o seu operativo de brigadas de limpeza na praia de Canelas, en Portonovo.

Revista Cousas De Nº20

As brigadas de limpeza de praias de Ecoloxistas en Acción ven observando unha reducción da chegada de pélets ás praias despois dos últimos temporais. Lonxe das mensaxes que buscan minimizar os impactos dos plásticos, a organización ecoloxista advirte que o feito de que non cheguen ás praias non é necesariamente unha boa nova, pois boa parte do material continúa no mar, onde non se pode recoller, ou está soterrado baixo a area.

Mesmo así, Ecoloxistas en Acción mantén o seu operativo de voluntariado de limpeza de praias, unha vez que se continúan retirando pélets e outros residuos plásticos en cada intervención. De feito, na xornada de limpeza do pasado sábado, as brigadas de voluntariado retiraron varios sacos de lixo plástico na praia de Canelas, en Portonovo.

Ecoloxistas en Acción chama ás Administracións e á sociedade a non esquecer o problema da contaminación por plásticos, urxindo a adoptar plans para a limpeza e xestión de plásticos, aproveitando a experiencia adquirida nos últimos meses durante a crise do Toconao.

esixen-que-non-se-abandone-o-mar-e-a-sua-xente
Praia de Canelas, Portonovo

A organización ecoloxistas lembra ademais que o problema dos plásticos é apenas a punta do iceberg das ameazas que se cernen sobre as rías e costas galegas, e que inclúen a mala xestión de augas residuais, a contaminación de metais pesados desde minas como as de Touro e San Finx ou a neglixencia das empresas hidroeléctricas á hora de operar encoros como o do Tambre. Por iso, demandan que non se abandone o mar e a súa xente, poñendo o foco na conservación e restauración dos ecosistemas mariños.

Estes días, no Parlamento Europeo, discútese a proposta de regulamento da Comisión Europea sobre a prevención das perdas de pélets. Ecoloxistas en Acción espera que, tras o desastre do ocorrido en Galicia, o regulamento teña a máxima ambición e esixa polo menos que se inclúen medidas de prevención e responsabilidade para o transporte marítimo de pélets para evitar que sigan ocorrendo perdas desde buques.

Para Ecoloxistas en Acción: ”Tras o episodio vivido nas costas galegas, é o momento de que a clase política demostre que lles preocupa o mar, a súa biodiversidade e o futuro do sector pesqueiro”. Sinalan ademais que os impactos sobre os ecosistemas destes microplásticos non están contabilizados e a limpeza e restauración parcial non pode seguir recaendo sobre a cidadanía e os medios públicos, como ocorreu en Galicia.

Desde a organización ecoloxista insisten en que “as empresas teñen que pagar o que contaminan, pero, sobre todo, teñen que deixar de contaminar. Por iso é fundamental instaurar medidas estritas de prevención en toda a cadea de subministración”.

- Publicidade -spot_img