O concello de Gondomar acollerá durante nove meses o novo obradoiro de emprego “Coidando Miñor”. Organizado conxuntamente cos concellos de Baiona e Nigrán, nel formaranse alumnos dos tres municipios das especialidades de: Limpeza de superficies e locais, Emprego doméstico e Atención sociosanitaria.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias e de seus homónimos de Baiona, Carlos Gómez e de Nigrán, Juan González, inauguraron este novo obradoiro dando a benvida aos alumnos e alumnas que “unha vez máis cubriron rapidamente as prazas previstas demostrando o interese que suscitan estas convocatorias”.
Como en ocasións anteriores o obradoiro estará dividido en dous grupos de 10 alumnos por especialidade que ademais de formarse e obter o certificado profesional correspondente (limpeza de superficie e locais, e, emprego doméstico e atención sanitaria), durante o período de 9 meses que asistan aos cursos de formación percibirán o Salario Mínimo Interprofesional.
Este Obradoiro está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade cun orzamento de 346.946 euros
Os representantes políticos presentes no acto coincidiron na importancia da colaboración de administraciones en materias tan sensibles, como a xeración de emprego, “como o demostra o éxito das edicións celebradas anteriormente nas que un 50% dos participantes lograron incorporarse no mercado laboral”.
Finalmente animaron aos beneficiarios e beneficiarias deste novo obradoiro “a esforzarse e aproveitar a oportunidade de formarse e adquirir novas ferramentas para adecuarse ás demandas do mercado laboral”.



