
A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro, visitou xunto a Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Angel Rodal, o miradoiro do “Cortelliño”, situado no monte mancomunado de Belesar en Baiona, considerado o balcón do Val Miñor.
O motivo da visita é o proxecto que o Concello de Baiona vai realizar para acondicionar o miradoiro do “Cortelliño”, na parroquia de Belesar. Vaise a levar a cabo unha adecuación da zona a través dun percorrido natural, que termine nun miradoiro cara ás espectaculares vistas que ofrece o terreo desde onde se poden divisar a baía de Baiona e as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, as Illas Cíes ou as Ons.
A intervención a realizar encádrase dentro da denominada Sierra da Groba. Dentro do conxunto da serra, o Miradoiro do “Cortelliño”, unha verdadeira balconada natural ao océano Atlántico, situado a case 600 m de altitude.
O proxecto é financiado 100% pola Xunta de Galicia, o Concello de Baiona tan só terá que facer fronte ao IVE
O plan conta con dous ámbitos de actuación: por unha banda o percorrido ou paseo desde o inicio da parcela, que mediante un crebo no mesmo dirixirá ao visitante ao longo de dúas direccións, e por outra banda o remate deste percorrido onde se situará o miradoiro, punto final no que o visitante se poderá sentar e contemplar as marabillosas vistas.
O paseo iniciarase á beira da estrada Acondicionarase un pequeno espazo para o aparcadoiro de tráfico rodado con prazas para autobuses e turismos entre as cales se atoparán prazas para discapacitados. O material utilizado para a zona do paseo será fundamentalmente xabre.
A nova plataforma-miradoiro construirase en madeira e será unha ampliación da estrutura existente. Alcanzará unhas dimensións de 56,10 metros cadrados, o que supón un significativo aumento do espazo. Ademais, colocaranse tres bancos para que baioneses e visitantes poidan gozar das singulares vistas que ofrece este miradoiro situado nun marco inmellorable.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Alumiña, quixo agradecer á Directora da Axencia de Turismo, Nava Castro, e ao Presidente da Comunidade de Montes, Pablo Vicente Sánchez-Román, a súa colaboración co proxecto.
O miradoiro do “Cortelliño”, ademais dos seus impresionantes vistas, ten a peculiaridade de que se trata dun dos poucos miradoiros aos que se pode acceder directamente en vehículo a través dunha calzada perfectamente asfaltada e acondicionada para o tránsito.
No proxecto tamén se inclúe a posta de varios servizos por exemplo a colocación de carteis explicativos para que os visitantes saiban o que están a divisar, colocación de bancos para o descanso…
A Xunta de Galicia concedeu o proxecto a través das subvencións aos Concellos para o fomento, accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural (Feader) no marco PDR de Galicia.
Desde o inicio das obras prevese un prazo máximo de execución de dous meses.





