Baiona inaugura este sábado a tempada de vela de 2016 co Trofeo Vitaldent do Monte Real Club de Yates, unha competición organizada en exclusiva para embarcacións da clase J80. As probas darán comezo ás tres da tarde na zona da baía, onde está previsto que os participantes se disputen as tres primeiras regatas do trofeo.
Entre os barcos participantes atópanse, entre outros, os gañadores da anterior competición de J80 organizada polo Monte Real o pasado outono. Son o Virazón de Miguel Lago, o Luna Nueva de Juan Luís Tuero e o Alumisel de Guillermo Caamaño, que lograron o ouro, a prata e o bronce do trofeo, respectivamente. Xunto a eles competirá, ademais, unha nova embarcación de J80 adquirida recentemente polo club baionés, que estará patroneada por Rui Ramada.
O campionato organizado polo Monte Real Club de Yates inclúe 6 xornadas de regatas na baía de Baiona durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo
Tras a primeira xornada de regatas deste sábado está previsto que se celebren outras 5 etapas máis, os días 30 de xaneiro, 13 e 27 de febreiro, e 12 e 13 de marzo. Todas as probas darán comezo ás tres da tarde e incluirán varios percorridos barlovento-sotavento, que o comité de regata determinará, en cada ocasión, dependendo das condicións meteorolóxicas e o estado do mar.
Os barcos, todos da clase J80, navegarán en frota, competirán en tempo real e realizarán un máximo de 3 probas por xornada. Todas e cada unha delas puntuarán para a clasificación final da que sairá o gañador da liga, que se coñecerá a mediados do mes de marzo.
Co obxectivo de coñecer este tipo de embarcacións a máis navegantes, a organización permitirá a inclusión dun quinto tripulante a bordo, que poderá navegar unicamente como observador. Deberá situarse detrás do patrón e non poderá participar nin nas tácticas nin nas manobras da tripulación.
O Trofeo Vitaldent Clase J80 Monte Real servirá de preparación para a frota de J80 de Galicia de fronte ao Campionato do Mundo que se celebrará en Sotogrande do 25 de xuño ao 2 de xullo.





