Os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, ofrecen as distintas accións divulgativas gratuitas enmarcadas no Proxecto Comarcal “Valemprego”, continuando así coa programación mensual iniciada no mes de xuño, dirixidas fundamentalmente ás persoas desempregadas dos tres municipios para achegarlles as ferramentas, conceptos e técnicas máis salientables á hora de levar a cabo unha busca activa de emprego.
Neste mes de outubro, serán tres actividades que o proxecto porá en marcha, en función do seguinte calendario.
O 21 de outubro en Nigrán, ás 17.00 horas no Centro Antena, o orientador laboral especializado en “As Redes sociais e o emprego”.
As redes sociais teñen hoxe unha importante presenza na busca de emprego e nas relacións laborais, de tal xeito que non se pode facer unha busca activa e efectiva sen ter en conta este recurso. Nesta sesión trataráse de achegar aos participantes ás redes sociais con maior peso na procura de emprego, ver o seu funcionamento e introducirse no manexo das mesmas.
O 23 de outubro en Gondomar, ás 10.30 horas no Centro Neural de Gondomar (Campo das Cercas, s/n) terá lugar a sesión “O cooperativismo como alternativa ó autoemprego”. Exporase por parte do persoal técnico da Federación Galega de Cooperativas Sinerxia, a importancia da fórmula do cooperativismo como modelo de autoemprego mostrando as súas características, vantaxes e particularidades respecto a outras formas xurídicas. Asi mesmo coñeceremos casos reais de experiencias cooperativas exitosas.
O 28 de outubro en Baiona, ás 10.30 horas no centro municipal Ángel Bedriñana (Carabela la Pinta, 1) falarase sobre os recursos de emprego telemáticos do SEPE, unha exposición ao cargo de Ismael Rego, coordinador do Observatorio das Ocupacións do Servizo Público de Emprego (SEPE). Nesta sesións, presentarase o acceso telemático aos diversos servizos públicos que en materia de emprego ofrece o SEPE ás persoas que queren facer uso da vía telemática para os diversos trámites en liña de que dispoñen.
As persoas interesadas en participar, deben presentar a súa solicitude cubrindo a ficha que está xa a súa disposición nas páxinas web e nos Departamentos de Emprego dos tres concellos, e entregalas nestes servizos ou remitilas á dirección de correo electrónico (valemprego@gmail.com), dirección válida tamén para realizar calquera consulta ao respecto deste programa.
O proxecto continuará desenvolvéndose ata finais de ano, anunciando periódicamente as actividades organizadas a medida que estean pechadas e estando os tres AEDLs municipais a disposición de calquera interesado para aclarar dúbidas e ofrecer máis información ao respecto.