Ademais, a Administración provincial deseñará, fabricará e instalará o mobiliario que completará o acondicionamento deste contorno
A Xunta de Goberno da Deputación vén de conceder, na súa xuntanza desta mañá, unha subvención de 143.383,26 euros ao concello de Baiona para a recuperación dos xardíns e a finca da Casa-Museo da Navegación.
A maiores desta subvención, a Deputación deseñará, fabricará e instalará o mobiliario urbano que completará a urbanización e adecuación desta finca, ao abeiro dun convenio de colaboración que tamén foi autorizado esta mañá pola Xunta de Goberno.
En concreto, a Escola de Canteiros e os talleres ocupacionais de Príncipe Felipe construirán unha zona de xogo para nenos de temática marítima, que terá como elemento central unha representación da Carabela Santa María partida en dous tras encallar na actual República Dominicana; 4 bancadas coas súas correspondentes farolas e 3 farolas de pé, entre outros elemtnos.
O material para a fabricación destes elementos (pedra, madeira, ferro galvanizado….) será subministrado polo propio concello.
No que respecta á subvención concedida, permitirá actuar na finca urbana da antiga Casa Carvajal, actualmente dedicada a Museo da Navegación, de forma que acollerá diversos espazos, desde auditorio ao aire libre, ata pàrque infantil, pasando por zonas de paseo, gradarías…
Así, na zona sureste crearase un acceso dotado de bancadas que caen en cascada concibido para lugar de estancia e contemplación. As bancadas serán de granito e madeira e estarán dotadas de iluminación, papeleiras, alcorques e outros elementos urbanos.
No sector oeste instalarase a antedita zona de xogo infantil rememorando a Carabela Santa María e, nas proximidades das rúas Ventura Misa e Manuel Misa situarase o Obelisco adicado a Ventura Misa, que será trasladado alí desde a súa actual ubicación no Paseo da Ribeira.
Todo iso completarase coa mellora do terreo, o axardinamento e a pavimentación.




