O GDR Condado Paradanta, co apoio de Turismo de Galicia, convida á cidadanía a participar nas visitas guiadas e inmersivas do venres 13, sábado 14 e domingo 15
Grazas ao convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o GDR Condado Paradanta o venres día 13, o sábado día 14 e o domingo 15 desenvolveranse distintas visitas guiadas nas que coñecer, totalmente de balde, a riqueza das terras do Condado e da Paradanta.
Abertas ao público, dinámicas e moi didácticas o GDR Condado Paradanta aposta polas visitas inmersivas que terán lugar en distintas vilas das comarcas do Condado e da Paradanta. Accións dinamizadoras do territorio pero tamén de posta en valor do importante patrimonio medio ambiental, histórico, etnográfico e produtivo das terras do Condado e da Paradanta. Nesta nova aposta por potenciar o territorio as persoas participantes poderán mergullarse na historia e mesmo trasladarse a outros tempos póndose no papel de investigadores, produtores ou consumidores e espallar así o coñecemento dunha parte da súa historia.
Augas produtivas, terra de viño e coñecemento
No día de hoxe celebrouse o workshop sobre a Fonte de Troncoso, “capela Sixtina do termalismo, a fonte da veciñanza” en palabras do técnico de turismo e guía oficial de Galicia, Valentín Verea, no que expertos en termalismo e en ciencias da saúde, arquitectos e restauradores, ademais do público en xeral, coñeceron da man do equipo de César Portela as obras de recuperación que se están a executar. A continuación tiveron lugar as exitosas visitas á fonte de augas mediciñais de Sabaxáns, en Mondariz; e ao Castro de Troña, en Ponteareas para despois ir xantar á praza de abastos de Mondariz e dar paso á visita inmersiva de volta aos anos 20 que se celebrou nos xardíns do Gran Hotel.
Mañá venres as actividades continúan para salientar a riqueza destas terras capaces de producir os mellores viños do mundo pero tamén do interese das súas xentes polo coñecemento científico e espírito emprendedor capaz de obter o mellor do noso territorio. A primeira visita será á planta embotelladora de Aguas de Mondariz da man de Alberto Cabadas, director da planta. A continuación, porase rumbo ao Centro de Interpretación do Alto Tea nos Carranos, Covelo, a maior xoia viva da industria dos anos 20; despois desprazaranse ao concello de Arbo para visitar Arabo -Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, un museo interactivo no que aprender sobre os viños da D.O “Rías Baixas” da sub-área Condado de Tea e sobre a saborosa lamprea das augas o pai Miño. Ao remate visitarase unha adega local na que coñecer os caldos da zona. Pola tarde continuarán as visitas, esta vez ao Concello de Salvaterra de Miño, ao espazo termal de Teáns.
Ven pasear a Balneario e mergúllate nos dourados anos 20
O fervor dos dourados anos 20 volve o sábado 14 de tarde (de 16:30 a 20 horas) e o domingo 15 de mañá (de 11 a 14 horas) aos xardíns de Mondariz Balneario. Sesenta veciñas e veciños de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas converteranse en actores e actrices para ambientar este espectáculo ao aire libre totalmente gratuíto e no que poden participar todos os públicos. A contorna do antigo Gran Hotel mergullarase no pasado e volverá aos esplendorosos anos 20. Coordinados pola produtora experta en visitas teatralizadas, EscénaTe, farán dos xardíns o seu escenario. Vestimenta, postos de pestiscos, terraza con bar organizada polo CIT (Centro de Iniciativas Turísticas de Mondariz Balneario), ambientación, música en directo co cuarteto de corda e diálogos rescatados da memoria protagonizarán este espectáculo ao aire libre que nos sorprenderá con interpretacións espóradicas ao longo de toda a xornada. “Vida Social no Balneario de Mondariz en 1920” ofrecerá diversión pero tamén a oportunidade única de revivir tempos de glamour, de culto ao coñecemento e de goce das artes. As persoas participantes serán sorprendidas por un Ramón Cabanillas, unha Emilia Pardo Bazán ou un Enrique Peinador que pasearán polos xardíns e voltarán ao presente na pel da veciñanza.




