spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaOs sons da auga en Reboreda

Os sons da auga en Reboreda

Senderismo-Vigo-A Carosa-sons-auga-Reboreda-Redondela

A parroquia de Reboreda está atravesada polo río Alvedosa, fundamental na historia desta parroquia redondelana, debido a que contorna o curso do río construíronse un gran número de muíños, algún dos cales segue en funcionamento hoxe en día, aínda que cumprindo unhas funcións diferentes das que foron concibidos.

Somentes fai falla dispor dunhas poucas horas libres e o ánimo necesario para percorrer a pé os 23 quilómetros. Esa é a lonxitude da ruta de senderismo que vai de Vigo a Redondela e que pon ao alcance do camiñante o descubrimento dunha orografía diversa, ao longo dun trazado que discurre, paso a paso, polas ladeiras do monte A Madroa, o Vixiador, os montes de Negros e Xaronda, e ofrece nalgúns dos seus tramos magníficas vistas sobre a ría de Vigo e a ensenada de San Simón. Atravesa os rios Maceiras e Alvedosa e invita a sortear grandes desniveis, con pronunciadas ascensións e bruscos descensos.

 

Unha das localizacións de maior interese para o camiñante está na parroquia de Reboreda, bañada polo río Alvedosa, onde disfrutará ao descubrir a espectacular presenza da fervenza que forma o rio e os sons que provoca a caída da auga a tanta altura, nun dos paraxes máís populares e recoñecibles do termo municipal de Redondela.

Senderismo-Vigo-A Carosa-sons-auga-Reboreda-Redondela

No catastro da Enseada de San Simón no ano 1752 rexistrábanse 35 muíños na parroquia de Reboreda, quedando 17 uns 100 anos despois no rexistro do Dicionario de Madoz (1845).

Neste entorno e seguindo o curso do rio, construíronse un gran número de muíños. No momento de maior esplendor, a metade do século XVIII, chegaron a contabilizarse 35 muíños na parroquia de Reboreda, que foron moi importantes, tanto económica como socialmente, cumprindo unha doble función, por unha parte como motores da economía agrícola de cereais que era o sustento da comarca e, por outra, como punto de encontro para os veciños de Reboreda, que celebraban as populares “muiñadas”, festas no interior dos muíños con cantigas populares.

Senderismo-Vigo-A Carosa-sons-auga-Reboreda-RedondelaEran muiños fariñeiros, utilizados para moer o gran, aproveitando as augas do río, canalizada desde un salto natural. Polo xeral, estes muíños eran comunitarios, establecendo quendas de moenda donde cada familia levaba o gran procedente da súa colleita. Pero tamén había muí- ños de propiedade particular, por cuxa utilización o usuario facía un pequeno pago en especies denominado “a maquía”.

Na actualidade os muíños que se conservan en Reboreda son os da Ponte, o de Peirao, o da Manga, o de Tareixa e o Vello, algúns deles recuperados como establecementos ao servizo dos turistas e visitantes, en paraxes ben conservadas e con abundante vexetación.

Pero amais destes, son numerosos os muíños existentes no termo municipal de Redondela: cinco en Cabeiro, un en Cesantes, quince en Cedeira, un en Chapela, once en San Esteban de Negros, doce en Saxamonde e seis en Trasmaño.

 Arbores senlleiras en Redondela

Amais de presumir de muíños, o termo municipal de Redondela concentra unha boa mostra dalgunhas das árbores máis senlleiras de Galicia. No núcleo da parroquia de Reboreda, moi preto da súa praza, destaca a imponente figura do Carballo das cen polas, unha árbore monumental, obxecto de culto e veneración non só dos veciños, senon de Galicia enteira.

REDONDELA (reboreda) 033Preto dela, está outra maxestuosa árbore, a Sobreira do Cristo de Arriba, que pola súa singularidade, forma parte do Catálogo de Arbores e Formacións Senlleiras de Galicia. Amais desta sobreira de Reboreda, tamén están incluidos neste catálogo o Caloedro do Pazo de Torrecedeira, así como as camelias e unha tuia xigante no pazo de Torres de Agrelo.

¿Sabías que…?

A Xunta de Galicia creou en 2007 o Catálogo de Arbores e Formacións Senlleiras para asegurar medidas de protección específicas para exemplares de excepcional porte, idade, significación histórica ou interese científico. Nel aparecen catalogados setenta e sete exemplares das máis diversas especies, como carballos, castiñeiros, sobreiras, palmeiras ou magnolios, que crecen en espazos públicos, xardíns pacegos ou alamedas.

- Publicidade -spot_img