Por primeira vez na historia un concello galego e a súa técnica municipal álzanse coas distincións ao ‘mellor destino turístico SICTED 2015‘ e ‘primeira finalista ao mellor xestor 2015‘, promovidos e elixidos polo Instituto de Turismo de España, TURESPAÑA e a FEMP. Ambos os galardóns conseguíronse superando a 189 destinos de toda España cos seus respectivos xestores, con máis de 5.200 empresas distinguidas a nivel nacional, o que supón un fito histórico para un concello galego.
Ambos os premios foron entregados pola secretaria de Estado de Turismo en funcións, Isabel Borrego, e polo presidente da FEMP, Abel Caballero, nun acto institucional que celebrado na caseta de Turespaña en FITUR. Os galardóns foron recollidos polo alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Gonzalo Pita e pola coordinadora de Turismo de Sanxenxo e xestora do destino, Romina Fernández.
O premio ao Mellor Destino Turístico SICTED 2015 recoñece o compromiso e a aposta de institucións e empresas coa calidade turística e a mellora continua dos seus servizos. O alcalde de Sanxenxo, que recibiu o premio, subliñou a importancia desta distinción para o destino Sanxenxo, “pois supón un recoñecemento ao esforzo que tanto desde o sector público como privado vén realizando para mellorar o nivel de satisfacción dos turistas que visitan cada ano Sanxenxo e incrementar a competitividade do mesmo como destino único, diferenciado e de calidade”. “Trátase de un éxito de colaboración público-privada, un premio de tod@s, sector público e empresas locais que traballan en SICTED e un orgullo para Sanxenxo”.
Gonzalo Pita resaltou ademais o traballo continuo que desde Sanxenxo faise en materia de calidade turística, tanto nas Q de Calidade Turística como na xestión e difusión do proxecto SICTED, “ferramentas esenciais para consolidar o posicionamento da marca Sanxenxo no exterior e continuar impulsando o desenvolvemento do sector turístico como principal motor económico do municipio”.
O premio Primeira Finalista ao Mellor Xestor 2015 a Romina Fernández recoñece o traballo e esforzo da persoa que xestiona día a día o desenvolvemento e implantación do Sistema nas empresas e servizos públicos turísticos no concello de Sanxenxo. Tras recoller o premio, a técnica, que xa o ano pasado resultou elixida para formar parte do Comité Interdestinos do SICTED a nivel nacional, manifestou o seu desexo de compartir o galardón con todo o equipo de traballo de Turismo de Sanxenxo, cos membros da Mesa para a Calidade Turística de Sanxenxo e cos empresarios turísticos do municipio, xa que sen todos eles sería imposible recibir dita distinción.
Hai que lembrar que o proxecto SICTED comezou a implantarse en Sanxenxo hai máis de 10 anos e conta xa cun total de 113 empresas e servizos públicos distinguidos e preto de 30 máis adheridas. Sanxenxo é o concello galego con máis empresas distinguidas en Calidade Turística.
Este sistema, que se considera un paso previo á Q de Calidade Turística e que conta con 32 manuais de boas prácticas, supón un proxecto beneficioso tanto para as empresas adheridas como para o destino no seu conxunto, xa que contribúe a homologar e incrementar os niveis de calidade do noso produto turístico e, desta forma, fidelizar aos clientes. Actualmente en España son 189 os destinos participantes e máis de 5.000 as empresas e servizos distinguidos.




