Inicio O Morrazo Cangas do Morrazo Pasado e presente danzan en Aldán

Pasado e presente danzan en Aldán

Cangas-Danza-San-Sebastian-Aldán-300-anos-danza-declarada-Interese-Turístico-Galego.Ancestrais, tradicionais e singulares, as Danzas de San Sebastián de Aldán regresan a esta parroquia de Cangas cada mes de xaneiro.

O día 20 a localidade celebra as festas na honra do santo nunha xornada na que este colorido baile acapara todas as miradas.

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a inexistencia de fontes documentais específicas impide datar con exactitude a orixe desta danza. Non obstante, tense constancia de que esta tradición se remonta a mediados do século XVII.

Na actualidade este baile supón un espectáculo que se inicia no adro da igrexa de San Cibrán. Nesa contorna un total de dez galáns, cinco damas e un guía agardan a saída da procesión. Tras a pertinente reverencia ao santo, o grupo encabeza a comitiva coa particularidade de que as bailarinas e os bailaríns nunca lle dan as costas. Despois prodúcese a contradanza.

O ritual inclúe a inclinación das persoas que danzan ante a imaxe, tres veces cando se achegan e outras tres cando volven á súa posición inicial. É o guía o encargado de dirixir en todo momento os movementos do conxunto, que se producen ao son da gaita, o tamboril e as castañolas.

Se a coreografía é centenaria, a indumentaria que portan as bailarinas e bailaríns destaca pola súa singularidade. Panos de distintas cores, mandil negro, vestido branco e mantón de Manila conforman a vestimenta delas, mentres que eles bailan ataviados con zapatos e traxe de cor negra realzado con chapeu de feltro. Destaca como elemento ornamental o chapeu confeccionado con distintas flores e cintas de cores que locen as compoñentes femininas da agrupación, tan orixinal coma colorido.

Pero esta localidade non é a única en marcar o ritmo, pois no concello de Cangas sobresaen tamén danzas coma as que se interpretan nas parroquias do Hío e de Darbo na honra de San Roque e de Santa María, respectivamente, que se integran nas Danzas Ancestrais de Cangas.

Fuente//Turismo Rías Baixas

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

693FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies