spot_img
InicioPontevedra e ÁreaNigrán recibirá preto dun millón de euros do Plan de Concellos da...

Nigrán recibirá preto dun millón de euros do Plan de Concellos da Deputación

A presidenta da Deputación entrega un anticipo ó Concello de Nigrán no marco da nova forma de xestión do goberno provincial
No ano 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva destinou en total a este municipio máis de dous millóns de euros

A Deputación de Pontevedra achegará este ano un 2,36% máis de recursos ao Concello de Nigrán no marco do “Plan Concellos 2017”. Deste xeito, este municipio da comarca viguesa recibirá un total de 970.010,12 €, 22.386,51 euros máis que en 2016, ano no que xa tivo un 36% de incremento respecto do 2015 (o que se traduciu en 249.857,41 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Nigrán recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

 Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Nigrán un total de 2.043.753,28 euros, dos cales 947.623,61 € correspondéronse co “Plan Concellos 2016”. Ademais, a institución provincial investiu 355.106,02 € en mobilidade, 91.409,67 € en cohesión social e xuventude, 41.722,11 € en cultura e lingua, 109.051,68 € para o fomento do emprego, 55.134 € para o impulso do deporte e outros 8.791,75 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do “Plan Concellos”, investíronse 699.346,22 € para a rehabilitación da escola, parque e zona deportiva en Priegue; creación dun parque na rúa Ana Isabel Costas, en San Pedro; creación dun espazo público na rúa San Roque en Camos; parque mestre Xosé Vázquez Grela en Nigrán; humanización do torreiro en Parada; pavimentación de varios viais; renovación da iluminación pública en Chandebrito; mobiliario urbano na alameda de San Campio; parque biosaudable en Chandebrito e parque infantil de San Roque en Camos. Ademais, recibiu 35.062,08 € na liña 3, que foron destinados a actividades culturais e de lecer: Carreira Nigrán Area, Festival Nigrán Jazz X Aniversario, Nadal Cultural, Entroido 2016, Festa de San Fiz 2016, Campionato Mundial de Bolos de xullo de 2016, Outono cultural, Verán en Nigrán, Campamentos de verán 2016, Guías de sendeiros e Illas estelas, II Trail e BTT Nigrán, Memoria História “Volta dos nove” e programa de cultura urbana Nigrán Deportes Urbanos: parkour. skateboard e orientación.

Grazas á liña 4, creáronse 29 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 213.215,31 €. Nigrán tamén recibiu 344.679,41 en préstamos sen xuros, 5.177,57 euros para o plan de equipamentos deportivos, 58.390,80 para o II Plan de Emprego e 13.333,33 euros para o convenio destinado a poñer en valor a fonte de Praia América (sendeiros azuis). Á marxe do “Plan Concellos 2016”, Nigrán recibiu 41.722,11 € para o fomento da cultura e a lingua, con 75 actuacións do Pontegal, así como coas axudas á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e as axudas á dinamización lingüística.

Tamén se destinaron 91.409,67 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con 5 usuarios e usuarias) ou ben mediante os programas “En Ruta coa Depo”, “DepoTermal”, “Depo en Marcha”, “Tecendo Lazos”, “Depo Rúarte” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 35 nenas e nenos do concello. Houbo ademais un curso de inglés.

Do mesmo xeito, Nigrán recibiu 55.134,00 € para o deporte federado de base, a Copa de fútbol Deputación de Pontevedra e diversas actividades deportivas, así como 109.051,68 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que catro persoas poidan desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Nigrán e outras sete en diversas empresas e entidades. Tamén se achegaron 8.791,75 € para o fomento da igualdade a través do programa “Conectadas 2016” e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista e outros 355.106,02 € en materia de mobilidade, en concreto para o “Plan Móvese” e as obras de sinalización horizontal nos viarios provinciais.

No adxunto pódese consultar todos estes datos no dossier de investimentos:

DOSSIER 2016 NIGRÁN INVESTIMENTOS

 

- Publicidade -spot_img