spot_img
InicioO MorrazoBueuA XI edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu abre o...

A XI edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu abre o prazo para apresentación de obras

vinte-paises-estaran-representados-na-seccion-oficial-do-ficbueu-no-seu-decimo-aniversarioA asociación FICBUEU vén de abrir o prazo para a presentación de obras ao 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), que se desenvolverá entre o 7 e o 15 de setembro co apoio do Concello de Bueu, entre outras administracións e entidades.

As bases contemplan ata oito seccións paralelas, que se completarán unha vez resulten seleccionados os filmes da Sección Oficial.

Ata o 14 de abril permanecerá aberto o prazo para o envío das curtas, que por segundo ano consecutivo se realizará a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse traballos estreados a partir do 15 de abril de 2016, cunha duración que non supere os 30 minutos. O 15 de maio daranse a coñecer as obras escollidas, que no caso da Sección Oficial optarán a máis de 5.000 euros en premios, tendo en conta os destinados a centros educativos.

Un xurado internacional encargarase de outorgar as Ánforas de Ouro e Prata, alén dos once galardóns artísticos e técnicos, mentres que un xurado estatal entregará os das mellores curtametraxes galega e española, aos que se suma o premio do público. O FICBUEU convidará a asistir a representantes de todas as curtas da Sección Oficial, polo que este ano se volverá garantir unha destacada presenza internacional nos días do evento. A esta escolma súmanse as seccións paralelas: Galicia, España, Animación, Comedia, Festival Invitado, Infantil, Latinoamérica e Premio de Honor, esta última como novidade.

O obxectivo do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu é contribuír á promoción das mellores curtas realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional, así como ao impulso dos novos valores, prestando especial atención aos cineastas galegos. No entanto, a organización está a traballar na configuración dun programa máis amplo, na liña do décimo aniversario celebrado o pasado ano, que incluirá unha morea de actividades de carácter cinematográfico e cultural pensadas para distintos tipos de público. A isto engádense as accións da Área Social do FICBUEU, que xa están en marcha con diferentes colectivos.

- Publicidade -spot_img