Volantas ao mar!

volantas-ao-mar

Volanteiras e molleiros da Guarda. Fotografía do século XIX cuxa copia atopáramos no “Xantar” / Colección Antón Martínez.

As historias mariñeiras non sempre comezan no mar. Esta nace nun local de comida do casco vello da vila da Guarda. Concretamente na Rúa do Medio, a que comunicaba as dúas portas da muralla que protexía a vila das incursións piratas e outras ameazas. Iso explicoumo don Antón Martínez mentres baixabamos da Torre do Reloxo, a carón da  Casa Consistorial cara ao “Xantar”, por esa estrada que agora é coñecida como Rúa Colón. 

Antón é xuíz de paz  na Guarda,  tamén un rigoroso gardián das memorias deste pago. A el acudín para obter información sobre unhas lanchas ou lanchóns que se amosan nunha fotografía decimonónica pendurada no local de comidas “Xantar”. A familia que rexenta o establecemento comentárame que esa fotografía era unha ampliación dun orixinal da colección privada deste home.

Miña rica Santa Tegra/dainos ventiño de popa/Que nós queremos ir embora/e temos a vela rota.

Díxome Antón que o paso dos anos desfixo o orixinal impreso en papel desta fotografía. Así que me convidou a explorar a escena histórica dende unha versión dixital. Nela a fisionomía da vila inda é recoñecible. Os chanzos polos que baixaramos minutos antes cara á Rúa Concepción Arenal están no mesmo lugar, só que o actual primeiro tramo, daquela, era un terraplén. O convento de San Bieito á dereita e as construcións da Ribeira, de dous e tres pisos, a maioría desaparecidas, enmarcan as protagonistas centrais da fotografía e desta historia: as volanteiras ou volanteiros e os angarelleiros ou molleiros.

Familias de volanteiros na Ribeira (A Guarda), no ano 1868. / Colección Antón Martínez.

Para documentarnos, Antón achega tres libros, Barcos en Galicia de la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre (J. M. Masso, García – Figueroa), Gamelas y marineros do escritor guardés Eliseo Alonso e mais El hombre y el mar en la costa suroeste de Pontevedra (Vázquez Varela e outros), “porque do que se publique da Guarda téñoo todo”, dime cun sorriso . As tres investigacións son da segunda metade do século XX. Todas deberon superar unha escasa documentación coa memoria dos antigos habitantes e mariñeiros. A desaparición das volanteiras está datada entre 1905 e 1906, e os últimos angarelleiros foron vistos a mediados dos anos 30 da centuria pasada. Algunha maqueta privada e estas poucas fotografías é todo o que quedou delas.

Uns xigantescos rodaballos negros.

Eliseo Alonso lembra as volanteiras  como “xigantescos rodaballos” de entre 13 e 14 metros de eslora, quilla de 10 a 12 metros, manga de máis de 3 e menos de 4 metros, de cor negra e con dúas proas. Eran tripuladas por entre 12 e 16 mariñeiros, pesaban non menos de 10 toneladas e estaban totalmente construídas con madeira. Impulsábanas a forza de remos ou cunha vela de pico, cun pano de 300 varas. Os remos eran de tal porte que moitas veces eran traballados por dous mariñeiros. A enxeñería destas lanchas era similar ás veciñas de Póvoa de Varzim e para algúns construtores foron a evolución e adaptación para estas zonas das carabelas de dous mastros e sen bauprés que desenvolvían a pesca de altura dende o século XV.

Volantas ao mar

A Guarda- estaleiros – Colección Antón Martínez.

Comezaban a pescar na seguinte madrugada á celebración da festa da Virxe da Saúde na parroquia de San Xoán de Tabagón, de febreiro até o mes do outubro. Ao berro de “Volantas ao mar!” botábanse na procura da pixota (pescada, merluza). Afastábanse de 30 a 40 quilómetros da costa, até o borde da plataforma continental onde fondeaban as súas artes de pesca: as Volantas, que dan nome a estas embarcacións.

A Volanta estaba construída coa unión dos Mollos, unhas redes verticais que achegaba cada mariñeiro da súa propiedade. Da unión dos mollos formábase a casea, que constituía a totalidade da Volanta. O seu tecido estaba perfectamente desenvolvido para a captura da pixota e xunto coas embarcacións eran a resposta tecnolóxica que en Galicia se atopou na Guarda, Fisterra e Porto do Son, para acceder, polo menos desde finais do século XVII, á pesca de altura. Por certo, o Mollo en tanto arte de pesca daba o nome ás lanchas de igual característica que as volanteiras pero máis pequenas, de entre 6 a 7 metros de eslora. Hai quen sinala que o seu nome era angarelleiro e que as pasaban a chamar molleiros cando pescaban xunto coas volanteiras.

volantas ao mar

A Guarda- redes – Colección Antón Martínez.

Eliseo Alonso sinala que navegaban orientados por un compás poveiro e exploraban o fondo dos caladoiros cunha liña de sondar (o escandallo), unha pedra ou chumbo con sebo; un farol, dúas ou tres “madres” (rolos de liñas), un balde de madeira para achicar e seis ou sete achicadeiras. Tamén un barril con auga, un tacho con comida fría, pan e viño en garrafóns tipo portugués. A comida ía nunha escudela do caldo e podía ser raia cocida, pescada e pan, todo mesturado. Asegura que non faltaba o tabaco e que acendían os pitos cuns chisqueiros de fabricación caseira: un corno de vaca na que metían as cinzas dunha camisa queimada e pedra lume que recollían en Camposancos. Saían ás catro ou cinco da madrugada e regresaban a media tarde.

Boa parte das economías familiares da Guarda xiraron arredor da Volanta e o seu sistema de explotación durante moitos anos. Cada mariñeiro era o propietario das artes de pesca e responsable das reparacións necesarias. O mantemento da tripulación pagábao un fondo común que saía dunha parte das capturas. O resto do peixe dividíano entre a tripulación e incluían os propietarios da volanteira, que, segundo as fontes, en xeral eran tres socios. Tamén recibía unha parte o ventureiro, un aprendiz que cumpría diversas funcións en terra e durante a faena no mar.

A participación dos homes remataba co arribo a terra. Alí as súas mulleres eran as encargadas de repartir a captura en carretillas ou cestas e organizar a distribución e venta do peixe. Repartían entre as familias máis desfavorecidas os cazacús (melgachos) que viñan nas redes. Chamábanas tratantas ou regateiras, e na edición do 17 de xaneiro de 1914 de La Voz del Tecla lembrábanas organizando o traslado dos cestos con pixota nas cabezas das mozas máis robustas até Pasaxe para abordar “o convoi das cinco que pasa por Camiña”. De alí ían ao Porto onde os intermediarios pagaban con poderosas libras esterlinas.

Os barcos impulsados a vapor desprazaron ás volanteiras e molleiras dende finais do século XIX. / Colección Antón Martínez.

A finais do século XIX comezaron a chegar barcos de vapor e logo a motor de británicos e belgas con artes de arrastre á plataforma onde pescaban galegos e portugueses. Os caladoiros esgotados deses países leváronos a buscar aquí as capturas. A maiores as súas artes de arrastre destruían as de volanta, afectando as economías das familias mariñeiras. O marco legal non defendía os volanteiros e no primeiro lustro do século XX desapareceron. Os mollos mantivéronse na pesca de baixura pero tamén alí chegou a competencia dos novos barcos, xa de donos guardeses, e con eles o final desta historia.

Por / Álvaro Peralta Techera

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies